A sección de Begoña Caamaño ofrece tamén na súa estrea unha escolma de fotos do arquivo persoal da homenaxeada e de fontes diversas, e comeza unha serie de entrevistas e reportaxes cunha conversa con María Xesús Nogueira. A crítica literaria foi unha das primeiras estudosas que afondou na narrativa dunha escritora que debutou tardiamente, aos 45 anos de idade, e cuxa carreira se veu truncada polo seu prematuro falecemento. “A súa primeira novela, Circe ou o pracer do azul (2009), foi unha grata sorpresa innovadora”, lembra. Tras reescribir o mito da Odisea dándolles voz a Circe e Penélope, a amante e a esposa de Ulises, Caamaño mergullouse na materia de Bretaña con Morgana en Esmelle (2012). En ambos os títulos desenvolveu “un modelo de escritura moi persoal e orixinal na narrativa do momento, construída conscientemente desde o feminismo” e “cun alto grao de elaboración literaria e lingüística”. “Hai toda unha arquitectura, tanto no que se refire á estrutura como ao código de ambas as novelas, que evidencia un modelo moi sólido”, valora a profesora de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, que define as novelas da autora como “reflexións sobre o poder e o xénero”.
Literatura e xornalismo para o coñecemento, a reflexión e a acción
Na mesma liña, Ana Romaní define Circe ou o pracer do azul como unha “novela da amizade, dos amores, tamén sobre o poder, os desexos e a esperanza, a posibilidade de cambio”, mentres que Morgana en Esmelle constitúe “unha reflexión contemporánea sobre o poder e a ética”. Así o recolle en Begoña Caamaño. Definitivamente utópica, radicalmente vital, o texto no que ganduxa o retrato persoal, profesional e literario da homenaxeada con fíos que traen por momentos as propias palabras da autora.
“Atenta lectora da realidade, audaz nas formulacións, vibrante no debate, sutil e delicada nas relacións persoais, a súa é unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e entregada determinación”, expresa a académica nos primeiros compases dunha contribución que arrinca con “E se o que conta Homero non foi verdade?”, a interrogante de Caamaño que estivo na xénese de Circe ou o pracer do azul. “Da pregunta da xornalista emerxe a narradora e a escolla da ficción como exploración do horizonte do posíbel. Comeza así a revisión literaria dos mitos no desexo de interpelar o seu tempo, o noso tempo. Literatura e xornalismo son, na autora, instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, continúa.
Romaní viaxa deseguido ata a infancia de Begoña Caamaño, ao fogar do barrio do Calvario onde esta medrou, adormecendo entre as historias que lía en voz alta a súa nai. “Leo porque tiven a sorte de descubrir a maxia dende pequena. Porque tiven un avó que inventaba historias. Porque tiven unha nai que sentaba aos pés da miña cama e me lía poesías”, recorda na voz dunha lectora voraz que se mergullou nos clásicos desde ben nova, e cuxa actividade xornalística e literaria ela mesma vinculou á paixón que a acompañou toda a vida.
O percorrido vital detense en como xermolou Circe, na biblioteca da rúa Casas Reais de Santiago de Compostela, para logo escribila de xeito “case compulsivo”, e no “debate contemporáneo sobre que modelo de sociedade queremos” que formulou en Morgana en Esmelle. Tamén se asoma ás súas contribucións máis persoais como xornalista da Radio Galega, onde ideou e dirixiu os programas Andando a Terra, Club Cultura e Expreso de Medianoite, ademais de ser parte do equipo do Diario Cultural. E non esquece tampouco o activismo de Caamaño, desde o seu espertar coas protestas estudantís que reclamaban descontos no transporte público cando cursaba 3º de BUP ata a súa defensa, xa como xornalista e sindicalista, “dunha información de calidade e condicións laborais xustas fronte á utilización partidaria, a manipulación informativa e a que consideraba usurpación dun ben social polo poder político”. Como traballadora dos medios públicos –subliña Romaní– defendeu ademais o seu papel esencial para o futuro da lingua e do país, outro dos eixes, xunto á súa obra literaria, destas Letras Galegas 2026.
A biografía repasa igualmente a súa implicación no movemento feminista, no que participou en espazos como Mulheres Nacionalistas Galegas e a Marcha Mundial das Mulleres. “O feminismo vertebra o pensamento e a biografía de Begoña Caamaño. Fai del instrumento central do seu traballo intelectual”, destaca Romaní na pasaxe na que rememora estoutras súas palabras: “É o momento non de cambiar as regras senón de cambiar de xogo”.
O da autora das Letras Galegas 2026 foi en calquera caso un feminismo “liberador, asomado ás contradicións e urxido a se situar no mundo”, no que a “alegría, o gozo, a risa e a felicidade son discurso político”. Non podía ser doutro xeito. Porque Begoña Caamaño foi, en palabras da súa amiga Uxía Senlle tras a súa morte, “sorriso amplo e luminoso”. Así tamén será recordada, sen dúbida, nestes vindeiros doce meses para reler ou descubrir as súas novelas, para reivindicar ese seu “xornalismo crítico e transformador”, comprometido co galego e a cidadanía.


