A Real Academia Galega e a Fundación Barrié presentan as novidades do Portal das Palabras

A Fundación Barrié e a Real Academia Galega fan balance dos tres anos do Portal das Palabras, xunto con outros avances operados no Dicionario, tanto na súa versión web como nas aplicacións para móbiles. Son tres anos de cambios que se manifestaron na depuración do Dicionario, un contacto máis estreito coa sociedade, formando una comunidade pendente das novidades do portal, e incluso aspectos menos visibles como unha plataforma electrónica para o traballo dos académicos e académicas no desenvolvemento do léxico.
O presidente da Fundación Barrié, José María Arias, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero
Pola esquerda, o presidente da Fundación Barrié, José María Arias, o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, e o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, na presentación das novidades do Portal das Palabras. Autor: RAG


O Portal das Palabras é unha iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e de difusión da nosa lingua. O Seminario de Lexicografía da RAG é o responsable dos contidos mentres que o desenvolvemento técnico se fai coa colaboración da Fundación Barrié. Desde os inicios concibiuse como un proxecto vivo e proba diso son as novidades que se presentaron hoxe na sede da Real Academia Galega, nun acto no que participaron o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación Barrié, José María Arias; e o secretario da RAG, Henrique Monteagudo.

"Hoxe celebramos o terceiro aniversario do Portal das Palabras, que é unha empresa fermosa e eficaz a favor das palabras galegas. E facémolo na Real Academia Galega, que é a casa da palabra e, polo tanto, a Casa das Palabras Galegas", expresou Xesús Alonso Montero na presentación do acto.

"O portal debe medrar en profundidade implantándose aínda máis na sociedade galega e cara ao exterior pois queremos atopar instrumentos para compartir a nosa experiencia e recibir a experiencia allea", declarou José María Arias, presidente da Fundación Barrié. Nesta liña, o Portal das Palabras estase a preparar para que as súas tecnoloxía e metodoloxía poidan ser transferidas a outras linguas, iniciativa que se presentará o vindeiro 23 de xuño no encontro Hitzargiak, que se celebrará en Hernani (Gipuzkoa) diante de representantes de máis de oitenta linguas europeas.

Nos vindeiros meses, as entidades do noso territorio lingüístico poderán facer adaptacións do Portal das Palabras, creando o seu portal propio e específico. Crearase deste xeito unha rede de webs asociadas.

Novidades no Dicionario
Unha das ferramentas máis innovadoras é un bot para Facebook ,"Dicionario RAG", que define termos por medio do Messenger desta rede social.

A nova versión do portal incorpora tamén un sistema de colaboración para a mellora do Dicionario dándolle voz aos usuarios. A través da lapela "Axúdanos a mellorar", visible ao final de cada busca dun termo, esta función permítelles enviar observacións e propoñer actualizacións ou melloras das definicións. O texto preditivo do Dicionario incorpora ademais as palabras que se recollen como entradas non correctas e as buscas contemplan a alternancia de xénero. Un sistema de procura das últimas voces actualizadas e o conxugador de verbos completan o renovado Dicionario na Rede.

Aplicacións móbiles
O Portal das Palabras tamén estrea novas versións das aplicacións para Android e iOS do Dicionario, unhas das máis innovadoras de Europa. Agora a base de termos que se poden buscar e definir actualízase automaticamente e desde calquera terminal móbil, e as palabras do día e as definición poden ser compartidas tamén por Whatsapp e outras utilidades de chat.

Xogos desde os móbiles e tabletas
Outra novidade é a utilidade que permite compartir nas redes sociais o resultado dos xogos, así como unha versión destes especialmente preparada para xogar só co polgar desde un teléfono móbil.

Novas seccións
O 13 xuño de 2013 naceu o Portal das Palabras. Desde esa data, e os 365 días do ano, o portal dálles os bos días aos seus seguidores cun novo termo a través da Palabra do día. A explicación do seu significado vai acompañada da etimoloxía e de exemplos do seu uso tirados da literatura galega. A nova versión incorpora un buscador de palabras do día ordenadas por data ou alfabeticamente.

Seccións como esta, a de xogos, Setestrelo, Mira que din ou os vídeos de Pregúntalle á Academia converteron o Portal das Palabras nun espazo de referencia no seu eido tanto para calquera persoa con curiosidade pola lingua como para a comunidade escolar. A oferta amplíase agora con Allos con bugallos, que ofrece diversos contidos de interese lexicográfico e lingüístico en xeral da nosa lingua e doutros sistemas; e co arquivo Palabras traballadas, que localiza calquera termo sobre o que se publicou algún contido. Cada semana publicarase ademais unha experiencia na rede relacionada co léxico e a lingua.