A Real Academia Galega e a Consellería do Mar abordan novas vías de colaboración sobre o léxico da cultura marítima

O presidente da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, mantivo esta mañá en San Caetano unha xuntanza coa conselleira do Mar, Marta Villaverde, para abordaren posibles vías de colaboración e iniciativas relacionadas coa posta en valor da cultura e do patrimonio lingüístico vinculado ao mar. 

A arquiveira-bibliotecaria da RAG, María Dolores Sánchez Palomino, e o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, tamén participaron nun encontro no que se lle prestou unha atención especial ao proxecto Denominación galega da fauna mariña. Esta iniciativa da Real Academia Galega ten como obxectivo establecer nomes oficiais e normalizados para as especies de peixes presentes ou comercializadas nas augas galegas, recuperando tamén denominacións tradicionais empregadas no mundo da pesca e do marisqueo. A proposta permitiría avanzar nun repertorio de referencia con aplicación nos ámbitos pesqueiro, científico, educativo, gastronómico e comercial.