A Real Academia Galega dixitaliza a súa correspondencia de 1925 a 1951

A Real Academia Galega completou en 2025 a segunda fase da dixitalización da súa correspondencia histórica. Os traballos, desenvolvidos de novo co apoio económico da Deputación de Pontevedra, abranguen a reprodución de máis de 2.500 documentos, con preto de 10.000 imaxes, que cobren o período comprendido entre 1925 e 1951. Os materiais son unha achega clave para reconstruír a historia interna da institución e contribúen ao mesmo tempo a comprender os diversos contextos políticos, culturais e lingüísticos nos que se desenvolveu o galeguismo durante a primeira metade do século XX.

1/7

Os documentos dixitalizados desta volta súmanse a outros 2.500 reproducidos en 2024, nunha primeira fase que comprendeu os primeiros anos da Academia, desde a súa constitución en 1905. Estes papeis serán parte destacada da documentación que se empregue en 2026 na celebración dos 120 anos da RAG para trazar un percorrido divulgativo sobre a historia da institución.

A relacións nas primeiras décadas do século XX entre os membros da Academia e outras organizacións e movementos como as Irmandades da Fala e o Seminario de Estudos Galegas; os atrancos para manter a actividade cultural durante as ditaduras de Primo de Rivera e Franco; as estratexias para preservar a lingua nun contexto hostil e mais os contactos mantidos pola RAG con escritores, investigadores e entidades culturais e sociais doutros territorios da Península Ibérica son parte dos asuntos que se abordan nesta documentación de enorme valor para a historia da Academia e de Galicia.

Mención especial merece a interacción coa diáspora galega en América, que foi determinante para o financiamento e o apoio á Real Academia Galega desde a súa xestación e posterior posta en marcha, sen esquecer os propios debates internos sobre publicacións e proxectos da RAG ou arredor da creación dunha norma para a lingua galega.

Autores coma Vicente Risco, Afonso Daniel Rodríguez Castelao, Eduardo Pondal, Ramón Otero Pedrayo ou Emilia Pardo Bazán, así como diversos académicos, desde o seu primeiro presidente, Manuel Murguía, a Manuel Casás ou Martínez Salazar protagonizan estas páxinas canda outras figuras sobranceiras da cultura quer estatais, quer internacionais, achegando información de relevancia sobre unha época de difícil acceso para os historiadores, aínda a día de hoxe.

A dixitalización desta correspondencia histórica garante a preservación dos documentos e facilita o acceso a eles a toda a comunidade investigadora interesada no estudo da historia da RAG e do galeguismo. A empresa UNAYTA Oficina Sin Papeles, S.L foi a encargada do escaneado en alta resolución de todas as cartas nas propias instalacións temporais da Academia.