A RAG recibe na rúa Tabernas o alumnado dos Cursos "Galego sen fronteiras"

A número 11 da rúa Tabernas da Coruña, sede da Real Academia Galega, abriulle as portas o pasado venres ao alumnado da XXIX edición dos Cursos de lingua e cultura galega "Galego sen fronteiras". A visita concluíu cunha conferencia do presidente da institución, Xesús Alonso Montero, sobre o poeta Lorenzo Varela (1916-1978).

Foto de familia, no salón de actos da Real Academia Galega, do alumnado e Xesús Alonso Montero. Autor: RAG


Os estudantes, procedentes de 17 países de Europa, América e Asia, puideron coñecer a Biblioteca da RAG, a máis completa de fondo galego do mundo, e visitar tamén a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, que ocupa o primeiro andar do edificio. Tras un percorrido guiado, o presidente da Academia pronunciou no salón de actos unha conferencia na que repasou a vida e a obra de Lorenzo Varela, de quen este ano se celebra o centenario do seu nacemento.

A Real Academia Galega organiza os Cursos de verán de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras" coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Deputación da Coruña.