A RAG participa no Simposio "A educación tamén en galego" da Universidade de Vigo

A evolución do modelo lingüístico da educación en Galicia no sistema non universitario e as posibles alternativas para reverter a perda de galegofalantes na mocidade centraron a intervención do presidente da Real Academia Galega no Simposio "A educación tamén en galego". Henrique Monteagudo pronunciou a conferencia de apertura do encontro celebrado na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, que contou tamén con outras achegas da institución.

Xaquín Loredo, técnico do Seminario de Sociolingüística da RAG, participou nunha das mesas redondas cunha contribución arredor das actitudes cara ao galego e os desafíos para unha educación transformadora; e a técnica de comunicación Iolanda Fernández Casal presentou as principais propostas da Academia dirixidas ao público infantil e xuvenil.

Organizado polas profesoras Mercedes González, Alicia Sentí e Zaira González, xunto co director da Árena de Normalización Lingüística da UVigo, Benigno Fernández Salgado, o programa acubillou un conxunto de mesas de debate e actividades baixo o lema Dereitos e deberes: por unha reivindicación do galego no ensino.Na apertura da xornada participaron a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, e o vicedecano do centro, Uxío Pérez. Unha serie de actividades lúdicas e un concurso dirixido ao alumnado de Ciencias da Educación puxéronlle o ramo á cita.