A Real Academia Galega, xunto a outras entidades galegas e bercianas, impulsou no ano 2017 unha serie de iniciativas para a promoción da lingua galega. O espírito da arela común quedou plasmado nun decálogo aprobado por unanimidade polo Consello Comarcal do Bierzo, que se comprometeu, entre outras cuestións, a poñer en marcha a súa páxina web en galego. Este compromiso, feito agora realidade, foi presentado no marco do Día do Galego no Bierzo, unha xornada que acolleu tamén unha mesa de debate en que as distintas partes implicadas fixeron un seguimento das accións desenvolvidas ata o momento e avanzaron en novos compromisos. Entre as cuestións que se abordaron, figuran asuntos de gran relevancia como a mellora do Programa de promoción do Galego nos centros docentes, a recuperación toponímica e garantir a regularidade da edición de materiais en galego para o Bierzo.
A RAG participa no Día do Galego no Bierzo
A Real Academia Galega participou un ano máis nas actividades do Día do Galego no Bierzo, que se celebra cada 9 de marzo nos centros do ensino desta comarca cadrando co aniversario de Martín Sarmiento. Nesta ocasión celebrouse tamén o centenario do autor berciano Ramón González-Alegre (1920-1968). A xornada arrincou en Vilafranca do Bierzo, a localidade onde naceu en 1695 o frei Martín Sarmiento, e continuou en Cacabelos, onde se presentaron os III Premios Morales, convocatoria na que tamén colabora a Academia. O programa de actos, que contou co académico correspondente Héctor Silveiro en representación da RAG, incluíu ademais a presentación da versión galega da web do Consello Comarcal do Bierzo e rematou no Concello de Corullón dando a coñecer o primeiro volume dunha colección sobre o galego nesta bisbarra.