Clausura da celebración do centenario de Eukaltzaindia. Fonte: Euskaltzaindia
O peche da programación especial de Euskaltzaindia celebrouse na sede da Deputación Foral de Gipuzkoa e contou coa presenza dunha ampla representación das principais institucións do País Vasco e os membros do Padroado de Honra do Centenario de Euskaltzaindia, do que forma parte o presidente da RAG. O propio Víctor F. Freixanes xa participara en xullo de 2018 na constitución deste padroado que conformaron vinte e unha institucións, entre elas os principais organismos dos distintos territorios do éuscaro, a Real Academia Galega, a Real Academia Española e o Institut d'Estudis Catalans. O presidente da RAG defendeu na súa intervención ante o pleno da Academia Vasca a necesidade de valorar e tratar as linguas cooficiais como un patrimonio común de toda a sociedade española.
O aniversario de Euskaltzaindia afondou en cuestións de interese compartido para as institucións que defenden linguas minorizadas. O programa serviu así de ocasión para sentar as bases da constitución dunha rede europea de academias de linguas minorizadas. Henrique Monteagudo participou na presentación, o pasado mes de xaneiro en Pamplona, do protocolo no que se insire esta iniciativa, da que a RAG forma parte xunto a Academia Vasca, o Institut d'Estudis Catalans, a Fryske Akademy, Lo Congrès Permanent de la Lenga Occitana e EURAC - Institute for Applied Linguistics.
O académico Antón Santamarina foi outro dos membros da RAG que participaron na programación especial de Euskaltzaindia, cun relatorio sobre a riqueza toponímica de Galicia presentado no marco do Congreso Internacional de Onomástica celebrado o pasado mes de xuño en Vitoria. A directora da Sección de Lingua da Real Academia Galega, Rosario Álvarez, interveu na xornada sobre as gramáticas no século XXI que tivo lugar en xullo en Donostia; e o coordinador do Seminario de Lexicografía, Manuel González, afondou nos recursos dixitais na utilización das fontes e nas ferramentas informáticas auxiliares para a redacción e a revisión do Dicionario da RAG no marco do congreso internacional sobre o contorno dixital, a estandarización das linguas e o éuscaro que se celebrou en setembro en Donostia. A Real Academia Galega estivo tamén presente neste encontro cun relatorio sobre as ferramentas dixitais para a divulgación da lingua a cargo da técnica de comunicación Iolanda Fernández.