Fernando Cabeza Quiles
Fernando Cabeza Quiles intervén dende o público na última Xornada de Onomástica Galega
Fernando Cabeza Quiles presentando a Xurxo Souto na última Xornada de Onomástica Galega
Cabeza Quiles escoita a Antón Santamarina na presentación de 'Toponimia de Padrón e Pontecesures' na Casa de Rosalía, na que o acompañou tamén Ana Boullón.
Cabeza Quiles naceu en 1953 en Ponferrada e trasladouse a Galicia sendo aínda ben pequeno pola profesión do pai, profesor de instituto. Viviu na Estrada e en Ribeira, adoitaba pasar as vacacións da súa infancia en Padrón en Pontecesures, onde se asentaran os seus devanceiros no século XIX procedentes de Asturias, e acabou botando raíces en Carballo.
Socio fundador do Instituto de Estudos Bergantiñáns e membro da directiva de Asociación Galega de Onomástica, o seu interese polos nomes da terra tiña a súa orixe no seu amor pola natureza. O ciclismo era outra das súas afeccións. O seu pasamento produciuse este mediodía tras sufrir unha caída cando circulaba en bicicleta pola parroquia carballesa de Ardaña.
Cabeza Quiles deixa unha extensa obra sobre toponimia galega. Ao longo de máis de tres décadas, publicou títulos imprescindibles como Os nomes de lugar: topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (1992). Os nomes da terra: topónimos galegos (2000), Toponimia de Galicia (2008), A toponimia celta de Galicia (2014), A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia (2024). Nestes momentos estaba a traballar na súa quinta contribución á colección Terra Nomeada, un volume sobre a toponimia de Valga, e tiña previsto presentar unha comunicación sobre o impacto das areeiras na toponimia das beiras arousás na vindeira Xornada de Onomástica de Pontevedra que a RAG celebrará en outubro en Pontevedra.


