A RAG e PuntoGal abren ao público a entrega dos premios do concurso de microrrelatos

A Real Academia Galega e PuntoGal entregarán o luns, 27 de xuño (17:00 horas) os premios do V Concurso de microrrelatos que convocan conxuntamente nun acto aberto ao público que terá lugar na sede da RAG. Os autores e autoras galardoados, nove persoas de todas as idades, lerán nesta celebración as súas historias. Os seus contos poderán ademais lerse nunha edición dixital, con cuberta da ilustradora Laura Romero, que estará dispoñible na sección de publicacións de academia.gal, na páxina web de PuntoGal e en relatos.gal a partir dese mesmo día.

Ilustración de Laura Romero para a publicación dos microrrelatos gañadores

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o presidente de PuntoGal, o tamén académico Manuel González González, entregarán os galardóns xunto a outros membros dos dous xurados que avaliaron as máis de 900 historias presentadas ás tres categorías do concurso. Antonio Cepeda Fandiño (Santiago de Compostela, 1967), Antía Novas Arribas (Bueu, 2004), e Elena Pastoriza Cortizo (Bueu, 2012) fixéronse cos primeiros premios de persoas adultas, xuvenil e infantil, respectivamente.

Os segundos premios son para Carlos Neira Suárez (Mugardos, 1950), Lucas González Pérez (Ourense, 2005) e Marina Cabrera Vives (2012), nada en Tarragona e residente en Castrelo de Miño; e os terceiros para Anabel Rodríguez Vázquez (Castro Caldelas, 1967), Carlota Alcalde Lorenzo (Noia, 2006) e Ximena Landeira Lista (Santiago de Compostela, 2010).

Ademais dos contos gañadores, os dous xurados seleccionaron sete historias finalistas que poderán lerse, xunto ás premiadas, no vindeiro número en papel da revista Luzes.

Xurados
O xurado da categoría de adultos –composto polos presidentes da RAG e PuntoGal; a académica correspondente Olivia González; o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro; e a xornalista e membro do comité de redacción de Luzes Marta Otero– avaliou preto de 500 relatos de ata 200 palabras presentados por persoas maiores de idade residentes en Galicia, outras comunidades autónomas e países como Suíza ou Brasil. 

As preto de 300 historias presentadas por nenos e nenas de ata 11 anos e as case 200 escritas por mozos e mozas de 12 a 17 anos foron lidas pola académica de número Fina Casalderrey; o académico correspondente Ramón Nicolás; a secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo; Cristina Ríos, membro do equipo da mesma entidade; e Santiago Romero Quintas, membro do comité de redacción de Luzes.