
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, pronunciarán os discursos institucionais nunha cita que contará ademais coas intervencións académicas arredor da figura de Lago González de Andrés Torres Queiruga e Xesús Ferro Ruibal.
O programa inclúe a actuación musical de Eduardo Rodríguez Sobrino na gaita e Rubén López López ao piano. Os músicos do Conservatorio Municipal de Tui interpretarán composicións de José Torres para poemas do homenaxeado que recitará a escritora Marga do Val.
Lago González, protagonista do Día das Letras Galegas de 1973, foi autor canda Manuel Murguía dun dos dous discursos lidos no acto de constitución da Academia (1906), que titulou “Elogio de la lengua gallega”. O relixioso salientaba neste texto a antigüidade da lingua galega e debuxaba a súa historia culta, desde o esplendor da lírica medieval deica o Rexurdimento. Nesta liña de reivindicación da cultura do país deixou así mesmo outros escritos nos que procurou conciliar os ideais do galeguismo cultural e dun catolicismo de liña tradicionalista.
Membro fundador da RAG, durante os anos en que foi bispo de El Burgo de Osma (Soria) perdeu a súa condición de académico, que recuperou en 1917 ao regresar a Galicia como bispo de Tui. Seis anos despois, en 1923 convertíase no primeiro arcebispo galego de Santiago de Compostela en cento vinte e cinco anos. Nesta nova etapa foi nomeado presidente honorario do Seminario de Estudos Galegos.
Tui, o fogar onde todo comezou
A formación de Lago González arrincara no seminario de Tui, no que ingresara aos trece anos de idade para estudar o bacharelato. Deseguido estudaría as carreiras de Humanidades, Filosofía, Teoloxía e Dereito Canónico, e tamén latín e grego en Santiago de Compostela. De volta no seminario tudense exerceu nas súas aulas como catedrático de ambas as linguas e impartiu tamén, entre outras materias, historia eclesiástica, arqueoloxía ou teoloxía dogmática. En 1888 foi ordenado presbítero e en 1893 acadou o doutoramento en teoloxía.
Como escritor Lago González comezou a publicar os seus primeiros poemas sendo aínda só un adolescente, tanto co seu propio nome coma baixo pseudónimo. Os seus primeiros versos apareceron en 1880 no periódico El Eco del Miño e entre 1888 e 1896 colaborou asiduamente nas páxinas do xornal católico La Integridad. Nas súas páxinas ocupouse das seccións “Ripios” e “A la menuda”, nas que se amosou como un articulista mordaz que non eludía a polémica e que tentaba harmonizar os ideais do galeguismo rexionalista e do integrismo católico.
Cando en 1891 se constituíu a Asociación Regionalista Gallega, presidida por Manuel Murguía, Lago González incorporouse de inmediato á Junta Regionalista de Tui, que aquel mesmo ano organizou os Xogos Florais de Tui. Para este encontro escribiu o discurso “Gabanza da lingua galega”, do que non se conserva copia.
Da etapa lucense e a planta co seu nome a Compostela
Enfrontado desde 1894 co novo bispo tudense, Valeriano Menéndez Conde, e tras varios incidentes coas autoridades civís locais pola radicalidade do seu catolicismo, en 1896 foi trasladado a Lugo, cidade onde exerceu como cóengo da catedral e catedrático de hebreo e teoloxía no seu seminario e da que foi nomeado fillo adoptivo. En Lugo publicou El renacimiento de la escolástica en España (1902), discurso lido na inauguración do curso 1901-1902 do seminario; e colaborou asemade co padre Merino na recollida de plantas nas ribeiras do Miño. Unha delas foi bautizada como Narcisus lagoi na súa honra.
En 1909 foi nomeado bispo de El Burgo de Osma, diocese que dirixiu entre 1910 e 1917, ano no que regresou a Tui como bispo. De volta na casa publicaría a pastoral “El régimen espiritual” e estimulou a recuperación das formas de culto tradicional e populares galegas.
En 1923 foi preconizado arcebispo de Santiago de Compostela, sede da que tomou posesión ao ano seguinte. Facíanse 125 anos desde a última vez que un galego ocupara a sede compostelá e o seu nomeamento foi acollido con entusiasmo polo galeguismo da época. Recibiu as loanzas de persoeiros como Amor Ruibal, Ramón Cabanillas –quen lle dedicou o poema “As pombas do perdón”– e Antón Vilar Ponte, que escribiu para a ocasión o artigo encomiástico “El heredero de Gelmírez y Rajoy”.
Xa en Santiago de Compostela, foi nomeado presidente de honra do acabado de crear Seminario de Estudos Galegos. A cerimonia de recepción contou coa intervención de Castelao, quen leu o discurso titulado “O novo espírito”, e concluíu coas palabras do propio Lago González en defensa da cultura e da lingua galegas.
Poesía e historia
Como poeta, o relixioso escribiu 62 composicións en galego que se conservaron sobre todo manuscritas. Outras publicáronse en periódicos como La Integridad, El Norte de Galicia, Galicia Diplomática ou Galicia Católica. O seu canon literario galego fórmano autores como Añón, Pondal, Curros, Rosalía ou Lamas Carvajal. Versificador áxil, podía usar rexistros lingüísticos elevados ou máis achegados á oralidade. Nas súas composicións tratou desde temas devotos ata a paisaxe da terra natal, os costumes populares e personaxes históricos e lendarios, como no romance dedicado a Pedro Madruga ou na oda patriótica de estilo pondaliano “O derradeiro celta”. Algunhas das súas pezas foron musicadas polo mestre de capela de Tui Martínez Posse e outras, como “Alborada”, “San Campio”, “Fror Nova” e “O neno Xesús” por José Torres Crego. Algunhas delas forman parte do repertorio que se interpretará no acto de homenaxe do 7 de marzo.
Afeccionado á historia, en 1882 foi nomeado membro da Academia Mont-Réal de Toulouse. Publicou os seus primeiros traballos neste campo, “Galicia antigua” (1883) e “Las religiones de Galicia” (1896), en El independiente. Cómpre salientar tamén a súa edición do “Onomástico etimológico de la lengua gallega” (1923) do padre Sarmiento e un artigo sobre a sinatura de Colón publicado no Boletín da Real Academia Galega.
O académico Xosé Filgueira Valverde, un dos grandes especialistas na súa obra, é autor de Lago González: biografía y selección de su obra gallega (1965) e de Escolma de poesías (1973), edición da RAG co gallo do Día das Letras Galegas de 1973.
Un completo programa arredor de Manuel Lago
A sesión académica do 7 de marzo inaugura a programación que se desenvolverá en Tui en marzo con Manuel Lago como protagonista. O domingo 16 haberá un paseo literario pola localidade e o luns 17 de marzo o espazo da rúa Camilo José Cela volverá ser o punto de encontro cunha mesa redonda que xuntará a Avelino Bouzón Gallego, arquiveiro da catedral de Tui, a escritora e docente Marga do Val e o profesor da USC José Manuel García Iglesias. Xa o martes 18 de marzo, día do pasamento do relixioso e escritor, a profesora da USC Marta Cendón Fernández pronunciará unha conferencia sobre o homenaxeado.