As educadoras e as familias da Escola Infantil Municipal A Madalena foron este luns as destinatarias da primeira dunha serie de charlas impartidas por Manuel Núñez Singala no marco da programación de accións formativas. O escritor e divulgador, director do servizo de normalización lingüística da Universidade de Santiago de Compostela, compartiu coas persoas asistentes ao encontro convocado na Casa da Cultura do Milladoiro unha intervención na que incidiu no aproveitamento das posibilidades dunha comunidade bilingüe inserida nun mundo multilingüe, prestándolle especial atención á especificidade do traballo con nenos e nenas que están aprendedo a falar. O martes foi a quenda das nais, os pais e o persoal da Escola Infantil Municipal O Bosque, nunha cita que tivo lugar no propio centro educativo de Bertamiráns; e o mércores 15 de maio haberá unha nova sesión aberta a todas as familias e profesionais da educación de Ames na Casa da Cultura de Bertamiráns (20 horas).
O Seminario de Sociolingüística da RAG deseñou as actividades e encárgase de novo do asesoramento e da posterior avaliación do proxecto, que ten na experiencia do compromiso coa inmersión lingüística un dos seus piares. Nesta ocasión a proposta que retará máis de 2.000 nenos e nenas a empregar o galego polo menos durante tres semanas en todos os ámbitos da vida arrinca o luns 13 de maio e estenderase ata o final do mes das Letras Galegas. A idea inspírase en 21 días co galego, o programa posto en marcha pola profesora Pilar Ponte, pero coa particularidade de implicar por primeira vez, dende a súa estrea o curso pasado, as escolas dun mesmo concello a un tempo e estenderse a outras actividades educativas, complementarias e extraescolares de xestión local.