No acto, celebrado na sede do Concello de Carballo, tamén participaron María López-Sández, coordinadora do Seminario de Sociolingüística da RAG; e o concelleiro Ramón Varela Rodríguez en calidade de presidente de Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, coa que a Academia asinou o pasado mes de outubro un acordo para impulsar accións a prol do idioma poñendo o foco na infancia. O propósito de dito acordo é precisamente a realización de mapas sociolingüísticos escolares locais como o que se levará a cabo en Carballo.
“Alédanos especialmente poder pechar este acordo de cooperación co concello que é cabeceira da comarca de Bergantiños, referente no mantemento do galego e exemplo para todo o país”, salienta Henrique Monteagudo. “Os bos datos globais do comportamento lingüístico na comarca, cun uso habitual da nosa lingua por riba do 80 % da poboación, non debe levarnos ao conformismo, senón servir de pulo para explorar novas vías de consolidación do idioma entre a xente máis nova, nun contexto moi cambiante determinado por factores que van desde o reto de apoiar a aprendizaxe da nosa lingua entre os novos galegos e galegas procedentes de países moi diversos, e con diferentes linguas maternas, ata o desafío do consumo masivo de contidos nas redes sociais noutros idiomas”, apunta Henrique Monteagudo.
“A lingua galega forma parte da nosa identidade colectiva e tamén do noso futuro. Por iso é especialmente importante traballar coas novas xeracións, escoitalas e comprender cal é a súa realidade lingüística”, expresa na mesa liña o rexedor, que destaca a importancia de poder afondar neste propósito coa RAG. “Para o Concello é fundamental contar con datos rigorosos que nos axuden a orientar as políticas de promoción da lingua galega e a seguir avanzando no proceso de normalización lingüística. E facémolo ademais da man dunha institución de referencia como é a Real Academia Galega e do seu Seminario de Sociolingüística. O estudo que se realizará ao abeiro do convenio que asinamos hoxe vai permitirnos ter unha radiografía actual da situación e, a partir dela, seguir impulsando iniciativas que reforcen a presenza e o prestixio do galego entre a xente nova”, conclúe.
O mapa sociolingüístico escolar de Carballo concíbese como unha ferramenta para afondar na identificación dos factores, axentes e contextos de socialización que aceleran ou frean o proceso de substitución do galego polo castelán, detalla a académica María López-Sández. Metodoloxicamente o proxecto nutrirase das enquisas que responderán os distintos axentes da comunidade educativa: alumnado, profesorado e familias.
Alén de achegar os instrumentos e protocolos de recolla de datos cuantitativos e cualitativos, o Seminario de Sociolingüística prestaralles apoio e asesoramento aos centros de ensino co fin de favorecer a participación activa de toda a comunidade educativa. Pola súa banda, o Concello de Carballo asumirá a xestión dos permisos e autorizacións necesarias, e a coordinación da recolla de datos. Unha vez completado este proceso, A RAG analizará a información e redactará o informe final cos resultados do estudo.
Do diagnóstico á acción de Modo galego, actívao!
O de Carballo é o cuarto mapa sociolingüístico escolar no que traballará a Real Academia Galega. O primeiro, publicado en 2021, foi o do Concello de Ames, co que a RAG mantén unha estreita colaboración que madurou no proxecto de investigación-acción Modo Galego, actívao!, que funciona como un banco de probas de boas prácticas para a dinamización lingüística entre a poboación en idade escolar. O segundo mapa é o de Santiago de Compostela, en fase de elaboración tras a conclusión da recolla de datos, desenvolvida en colaboración co goberno da capital galega. A Academia asinou ademais o pasado mes de febreiro un acordo semellante co Concello de Pontevedra para confeccionar tamén o seu mapa sociolingüístico escolar.
A Academia agarda asinar proximamente máis acordos similares con distintos concellos que forman parte de Alingua e subliña a importancia da implicación municipal na normalización do idioma. “O desafío que supón reverter a perda de falantes nas capas de poboación máis novas esixe medidas que nos implican a todos e todas. Tamén as administracións locais, as máis próximas á cidadanía, que poden adquirir un papel máis relevante nesta misión compartida de poñer o galego no centro”, conclúe Henrique Monteagudo.


