A RAG e a AELG coinciden no interese de abordar novas liñas de colaboración

O presidente e o secretario da Real Academia Galega recibiron hoxe na sede da institución aos seus homólogos da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Víctor F. Freixanes e Henrique Monteagudo coincidiron con Cesáreo Sánchez Iglesias e Mercedes Queixas no interese de establecer novas colaboracións entre ambas as entidades.

Pola esquerda, Cesáreo Sánchez Iglesias, Víctor F. Freixanes, Mercedes Queixas e Henrique Monteagudo. Autor: RAG


No encontro, concordaron en que é preciso procurar unha maior presenza social da lingua e da cultura galegas, incidindo en distintos sectores, desde o educativo ata o empresarial. Nesta liña, os representantes da RAG e da AELG mostráronse dispostos a seguir tendendo pontes de colaboración entre as dúas organizacións, que xa colaboraron en 2016 na celebración do Simposio Manuel María e no ciclo No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos.