“Diante d'iste nome, os propoñentes cóidanse dispensados de toda loubanza, e coidan qu'a proposta de tan ilustre galego ha ser acollida por todol-os Señores Académicos con unánime ledicia”, expuñan os tres asinantes na carta asinada o 12 de febreiro de 1930 en Ourense. A misiva é un manuscrito do puño e letra de Risco, quen entrara coma Otero Pedrayo na RAG meses antes, en 1929, nun momento en que a institución comezaba a abrirse para incorporar os representantes dos novos tempos do galeguismo, marcados polas Irmandades da Fala e a xeración Nós.
O documento sintetiza o currículo do candidato, “un dos nosos mellores prosistas”, que naquela altura xa publicara títulos como Arte e nacionalismo, Un ollo de vidro ou Cousas, así como numerosos artigos. A listaxe inclúe tamén un resumo da súa obra artística e outros méritos, como o feito de ser pensionado en dúas ocasións pola Xunta de Ampliación de Estudos para se formar en Francia, os Países Baixos, Alemaña e a Bretaña e acadar a terceira medalla da Exposición Nacional de Belas Artes.
Consulta toda a información sobre o ingreso de Castelao na RAG NESTA LIGAZÓN.