Antonio Fraguas naceu en Cotobade no ano 1905 e, tras aprender as primeiras letras coa nai, empezou a ir á escola pública en Loureiro, a súa parroquia, cando estaba a piques de facer os seis anos. El mesmo contaba que alí non chegou a aprender nada, pero o destino da familia na emigración brasileira mudou cando, a finais de 1918, meses antes da data fixada para marchar, pasou a estudar na escola que acababa de abrir en Famelga un mestre chamado, coma el, Antonio. Os pais pensaran nun futuro para o rapaz como maquinista de tren, pero o ensinante convenceunos de que pagaba a pena facer o esforzo de darlle unha carreira. O lugar elixido para o pleno do Día das Letras Galegas está, xa que logo, cargado de simbolismo nunha vida dedicada á investigación da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos.
Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, etnógrafo, historiador, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común, Antonio Fraguas Fraguas conta cunha biografía que ofrece un percorrido por boa parte da historia galega do século XX no que contribuíu ademais a proxectar o galego como vehículo de expresión válido para calquera coñecemento.
O seu compromiso coa lingua e a cultura galegas agromou cando cursaba o bacharelato en Pontevedra, outra etapa decisiva na súa vida, na que tivo como mestres a Castelao ou Antón Losada Diéguez, quen máis o marcou. Alí, da man doutros compañeiros, fundou en 1923 a da Sociedade de Lingua, creada co obxectivo de defender o galego e de elaborar un dicionario. Xa na etapa universitaria en Santiago de Compostela ingresou, en 1924, nas Irmandades da Fala e colaborou co Seminario de Estudos Galegos, do que logo sería membro numerario.
No SEG participou, baixo a dirección de Ramón Otero Pedrayo, na inauguración en Galicia dos estudos de xeografía histórica e abordou o Entroido e outros temas sobre a súa terra, un lugar común de moitos dos seus traballos. Nestes tempos de mocidade publicou artigos na revista Nós e n'A Nosa Terra. Comezaba unha obra, ampla e curiosa, con máis de trescentos libros e artigos de revistas, ademais de incontables pezas xornalísticas, nos que Galicia era o seu motivo esencial.
Antonio Fraguas escribiu sobre xeografía, cunha proposta de comarcalización da que aínda se pode seguir tirando proveito; cultivou a historia, deixando biografías de personaxes ilustres como Murguía ou Castelao e a que foi a súa tese de doutoramento, sobre o Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago de Compostela; e fixo tamén achegas á arqueoloxía. Pero o campo no que máis destacou foi o do estudo da cultura labrega, en especial da súa parte espiritual. Festas, crenzas, romarías, cantigas, usos e costumes, dicires etc. aparecen nos seus ensaios e conferencias que eran, en palabras do profesor Eiras Roel, non só amenos relatos, senón unha manifestación temperá e adiantada para Galicia do que hoxe se deu en chamar a historia das mentalidades.
Unha traxectoria docente interrompida pola guerra
A Facultade de Filosofía e Letras foi o primeiro lugar no que Fraguas exerceu como ensinante, en calidade de profesor auxiliar. En 1933 incorporouse como docente ao instituto da Estrada, posto do que foi separado ao comezar a guerra civil polo seu activismo político, que o levou a ser secretario xeral do Partido Galeguista deste concello pontevedrés e un militante moi implicado na campaña a prol do Estatuto de Autonomía. A represión sufrida obrigouno a dedicarse ao ensino privado, que exerceu nunha academia propia, a Menéndez Pelayo, aberta en 1938 na rúa Algalia de Abaixo de Santiago. A partir de 1942, unha vez revisado o seu expediente de depuración, compatibilizou a dirección desta escola coa docencia de novo na Facultade de Filosofía e Letras, que reclamara os seus servizos, ata que en 1950 gañou unha praza de catedrático de instituto. Ensinou primeiro no Instituto Masculino de Lugo e en 1959 regresou a Compostela para exercer no daquela Instituto Feminino Rosalía de Castro, o que lle permitiu tamén dar aulas na Universidade ata a súa xubilación forzosa en 1975.
Investigador incansable
O protagonista do Día das Letras Galegas 2019 compaxinou sempre ao longo da súa carreira o ensino coa investigación, en contacto con distintas institucións como o Instituto Padre Sarmiento ou a Real Academia Galega, na que ingresou en 1956 co discurso Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán. En 1963 foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago en Bonaval e en 1976 participou na creación do Museo do Pobo Galego, do que foi director e presidente, traballando sempre da man do seu bo amigo Xaquín Lorenzo Xocas. Xa na Autonomía, foi tamén coordinador da sección de antropoloxía cultural do Consello da Cultura Galega e desde todas estas institucións organizou e colaborou en congresos e xuntanzas científicas que serviron de foro de discusión e de posta ao día do universo da etnografía de noso.