"A nosa ética profesional, na liña da acción continuada da Real Academia Galega canto entidade legalmente encargada da defensa e ilustración da lingua galega, obrígamos a lanzar a voz de alerta, unha voz que quere ser alentadora, pero que non pode deixar de expresarse en tons de alarma", salienta ao respecto na introdución o coordinador do Seminario de Sociolingüística, o académico Henrique Monteagudo. "Non pretendemos alimentar un discurso pesimista sobre o futuro do galego, pero non podemos deixar de sinalar os riscos que corre o noso idioma", engade.
A análise, un resumo e unha actualización de Lingua e Sociedade. A evolución sociolingüística 1992-2013, reflicte unha sociedade bilingüe cunha "vitalidade incuestionable" da nosa lingua, con máis de 1,3 millóns de galegofalantes habituais, pero esta cifra non pode ocultar que o signo das tendencias é negativo, sobre todo cando se introduce o factor tempo. Entre a poboación xeral, o perfil máis frecuente é o das persoas que empregan como lingua habitual o galego (31 %) ou tanto o galego como o castelán (42 %), e os datos do CIS de 2016 amosan que o galego é a lingua materna do 44,7% das persoas de 18 ou máis anos, fronte ao 30,7% que teñen como lingua inicial o castelán ou o 23,6% con ambas. Pero se na análise se ten en conta a poboación máis nova, desde os 5 anos, e se detén nos 65, a lingua inicial maioritaria empeza a ser o castelán (38% fronte ao 34% do galego e o 28 % de ambas), que é tamén o idioma que emprega habitualmente unha maior proporción nesta ampla franxa de idade que conta coas xeracións máis novas.
Estes resultados -advírtese- ofrecen un prognóstico do que pode acontecer a curto prazo nos usos lingüísticos se a situación non experimenta "un drástico cambio, e sen necesidade de aplicar complicadas fórmulas matemáticas". De feito, as xeracións máis novas están xa protagonizando "un proceso acelerado de monolingüización en castelán, a un ritmo que non prevían os resultados de estudos demolingüísticos previos".
Pero cales son os motivos da creba da transmisión interxeracional do galego? O traballo explica que esta ruptura non é consecuencia tanto das decisións das familias, senón que máis ben procede de "aspectos relacionados coa súa escasa presenza na socialización secundaria", nomeadamente no ámbito escolar e de maneira especial en determinados contextos semiurbanos. Sobre o papel da escola, aínda que se evidencia que a institucionalización deu avances positivos, como demostra a crecente competencia para ler e escribir en galego desde os anos noventa, sinálase tamén que co último decreto neste eido, o 79/2010, asistimos a unha reversión dos avances conseguidos.
Con este diagnóstico sobre a mesa, a RAG apela ao conxunto da sociedade e en especial aos seus líderes políticos, económicos e sociais para garantir o futuro da nosa lingua "Cómpre recoñecer as dificultades do presente e os erros do pasado, pero sobre todo é imprescindible un compromiso sincero, unha acción eficaz e iniciativas máis ambiciosas por parte do goberno e do conxunto das institucións galegas e dos distintos axentes sociais", conclúe Henrique Monteagudo.