Ramón Vilar Ponte
Esta crónica da Academia xa fora publicada con antelación no suplemento do xornal Faro de Vigo, e nas súas páxinas o historiador viveirense Ramón Villar Ponte (1890-1953) pasa revista ás iniciativas que preludiaron a creación da Academia, como Sociedad Artística y Literaria de A Coruña, ou o Folk-lore Gallego de Pardo Bazán e Pérez Costales, se ben considera ambas as dúas pexadas de certo localismo.
A continuación, Ramón Vilar Ponte establece como verdadeiro precedente da Academia as reunións que mantiñan na Librería Regional de Eugenio Carré Aldao -situada na rúa Rego de Auga, e máis coñecida como a "Cova céltica"- o grupo de intelectuais galeguistas reunidos so a influencia intelectual de Manuel Murguía, e do que formaban parte, entre outros, Francisco Ojea, Curros, Martínez Salazar, o propio Carré Aldao, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy ou Eladio Rodríguez.
Secasí, o historiador viveirense atribúelle a Xosé Fontenla Leal o papel de principal promotor da iniciativa que ha dar lugar á Academia: "Con su tenacidad ejemplar, puesta al servicio de una voluntad gallega levantada y recia como pocas, supo hacer el milagro que tantos hombres de letras, escépticos, egoístas o tímidos no se atrevierona realizar, o que, intentando realizarlo, fracasaran ruidosamente.". Pois, entre outros méritos, foi Fontenla quen puxo en marcha, xunto con Curros, a Sociedad Iniciadora e Protectora da Academia de La Habana, que será quen achegue os fondos económicos precisos para a inauguración e mantenza desta institución durante os seus primeiros anos.
Villar Ponte pasa logo a enumerar algúns feitos destacados da Academia durante a súa andaina, como as homenaxes a Nicomedes Pastor Díaz, Vicetto, Añón e Murguía; a inauguración do monumento a Curros; a publicación do Boletín e o Diccionario; as virtudes da nosa Biblioteca "en cosas referentes a Galicia la mejor de España sin duda alguna", e a listaxe dos seus primeiros membros numerarios.
Chaman tamén a atención, por último, as coidadosas perífrases coas que o historiador, forzado pola censura, refire algúns sucesos históricos. Así, a interrupción provocada pola Guerra Civil é descrita como "circunstancias especiales", o propio tempo histórico no que escribe como "malhadada anormalidad mundial", e a Castelao alúdese como "el Maestro nacido en Rianxo", repárese, neste caso, na significativa conservación da toponimia orixinal galega.
A historia da Academia de Ramón Villar Ponte pódese descargar aquí.