A Primavera das Letras de Xela Arias comeza no colexio de Vigo onde estudou

A Real Academia Galega inaugurará o martes 2 de marzo a Primavera das Letras dedicada a Xela Arias no CEIP Sárdoma-Moledo, o colexio de Vigo onde estudou de nena a escritora e tradutora á que a institución lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e a académica Fina Casalderrey presentarán o proxecto dirixido ao alumnado de infantil e primaria nun acto no que participará a familia da homenaxeada canda a comunidade educativa de Sárdoma-Moledo. 

Primavera das Letras fornecerá os nenos e nenas de recursos lúdicos e didácticos arredor da vida e a obra de Xela Arias dende a páxina web primaveradasletras.gal, un espazo que a Real Academia Galega desenvolve co apoio da Deputación da Coruña. A presentación desta iniciativa terá lugar nas vésperas do aniversario da autora, nada o 4 de marzo de 1962 en Sarria. Tras vivir neste concello –primeiro– e Lugo –despois–, Xela Arias estableceuse coa familia en Vigo, a cidade onde viviu dende os sete anos ata o seu pasamento en 2003.

A nova edición de Primavera das Letras súmase á oferta dixital da páxina web institucional da RAG, onde está activa dende xaneiro a sección das Letras Galegas 2021. Este espazo en permanente actualización ofrece xa a biografía da homenaxeada que asina a académica Ana Romaní, entrevistas –unha delas a Amparo Castaño, nai da autora–, e unha galería de retratos de Xela Arias realizados por Xulio Gil, entre outros contidos. Esta fiestra virtual dará tamén acubillo a propostas audiovisuais sobre a poeta e tradutora que serán presentadas proximamente.