A nova web da revista ‘La Tribuna’ potencia a difusión das investigacións sobre Emilia Pardo Bazán

A extensa produción intelectual da escritora Emilia Pardo Bazán inclúe decenas de novelas, centos de contos e milleiros de artigos xornalísticos, mais tamén poesía, teatro ou ensaio. Co obxectivo de profundar no coñecemento deste legado e da figura da autora a través de investigacións orixinais, naceu en 2003 La Tribuna. Cadernos de estudo da Casa Museo Emilia Pardo Bazán. Os traballos duns noventa colaboradores publicados desde entón están a partir de agora dispoñibles en aberto na nova páxina web da revista, presentada esta mañá xunto ao último número, que inclúe un monográfico sobre Pardo Bazán e a I Guerra Mundial, poñendo o foco nos seus artigos na prensa da época.

Pola esquerda, Patricia Carballal Miñán, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Pilar Couto Cantero e Ricardo Axeitos durante a presentación


A presentación tivo lugar no salón de actos da rúa Tabernas, 11, antiga casa de Emilia Pardo Bazán e hoxe sede da Real Academia Galega e da Casa-Museo da escritora. O director da publicación, o historiador e académico Xosé Ramón Barreiro Fernández, estivo acompañado polas subdirectoras, Patricia Carballal Miñán e Pilar Couto Cantero, e por Ricardo Axeitos, membro do comité de redacción. "A revista é hoxe un referente obrigado e necesario para todos os estudos sobre Emilia Pardo Bazán", expresou Barreiro Fernández, que salientou a importancia do traballo de todo o equipo de La Tribuna para facer posible cada número.

A web de La Tribuna, http://revistalatribuna.gal, emprega a plataforma Open Journal Systems (OJS), que permite compartir en aberto coa comunidade científica internacional os traballos sobre Pardo Bazán e incrementar as súas visibilidade e difusión. A nova páxina facilita procuras avanzadas, ademais de realizar a consulta por números a través de táboas de contidos que inclúen ligazóns a cada un dos textos. "Con esta nova web, a revista inicia unha nova andaina que supón un grande avance na difusión de todo este material científico", valorou Pilar Couto Cantero.

O novo número da publicación, de periodicidade anual, empeza cun monográfico con catro estudos referidos a distintos aspectos sobre Emilia Pardo Bazán e a I Guerra Mundial. A investigadora da Universidade de Valencia Isabel Burdiel analiza a súa defensa dunha postura neutral ante o conflito bélico; Eduardo Ruiz-Ocaña Dueñas, do Centro de Universitario Escuni da Complutense de Madrid, estuda como a autora aborda a xestación desta guerra e o seu desenvolvemento desde o semanario barcelonés La Ilustración Artística; Mª Rosario Martínez compara o labor como cronistas da Gran Guerra de Emilia Pardo Bazán e doutra destacada escritora e xornalista coruñesa, Sofía Casanova; e Ricardo Axeitos, do grupo de investigación La Tribuna, e Manuel González, da Casa Museo Emilia Pardo Bazán, debullan os seus textos xornalísticos do momento da contenda nos xornais madrileños El Día e La Nación.

Descuberta dun conto nun semanario mexicano
Na sección de documentación, o número 10 de La Tribuna tamén recolle o traballo de Mar Novo que rescata a publicación, en 1902, do conto da escritora La venganza de las Flores no semanario mexicano El Mundo Ilustrado. Na súa tese de doutoramento, Novo constatou ademais que son máis de medio cento as cabeceiras de México que reproducen contos ou novas de e sobre a autora.

Outra tese de doutoramento, a de Patricia Carballal, centrada no teatro de Pardo Bazán, protagoniza a sección de notas. A investigación, a primeira que estuda todo o teatro da condesa no seu conxunto, permitiu o achado dunha obra de mocidade ata o momento descoñecida, Perder y salir ganando, datada en 1872.