Biblioteca

A música na biblioteca da RAG
As partituras impresas da biblioteca de Marcial del Adalid

A Biblioteca da Real Academia Galega conta cun importante fondo musical no que destaca a biblioteca particular do compositor Marcial del Adalid. Tamén conta co fondo musical do compositor Eduardo Dielh de Souza e cunha pequena pero importante doazón de partituras realizada polo escritor e académico da RAG Leandro Carré, ademais doutras moitas obras de música impresa e noutros soportes, como casete, CD ou DVD.

O insigne coruñés Marcial del Adalid Gurrea (1826-1881) formouse musicalmente na súa cidade natal, continuando os seus estudos en París e Londres, onde foi discípulo de Ignaz Moscheles. Foi, ademais de pianista, compositor de pezas románticas para piano, e autor da considerada primeira gran ópera galega, Inés e Bianca.

A súa colección de música impresa do século XIX representa, pola cantidade e calidade das súas pezas, a parte máis importante dos fondos musicais da RAG. Este fondo ingresou na Real Academia Galega en decembro de 1928 como doazón da súa filla, a pintora María del Adalid Garrido, xunto con outras partituras manuscritas, conservadas na actualidade no Arquivo da institución.

Esta valiosísima biblioteca foi iniciada polo avó do compositor, o tamén músico Marcial Francisco del Adalid Ramírez de Arellano (1754-1822), rioxano establecido na Coruña arredor de 1787, onde chegou a ser un dos principais mecenas culturais da cidade no ámbito musical. Máis adiante, seguiu incrementándose coas achegas posteriores do seu fillo Francisco del Adalid Loredo e, finalmente, do seu neto Marcial del Adalid Gurrea.

Consta de 549 signaturas. Parte delas fan referencia a partituras soltas, outras a volumes encadernados con varias obras seguindo un criterio instrumental, é dicir, escollendo para cada volume a parte delas referida a un mesmo instrumento, pensadas para tocar en pequenas estancias, como corresponde á música de cámara.

Este fondo contén obras dos principais compositores europeos do clasicismo e romanticismo, como Chopin, Haydn, Hummel, Liszt, Mendelssohn, Moschelles, Mozart, Rossini, Sánchez Allú, Schubert ou Verdi.

Exemplos desta biblioteca singular son a colección de quintetos de Luigi Bocherini ou a Sinfonie pastorale de Louis van Beethoven, arranxada por M. G. Fischer.

Tamén están presentes, como era de esperar, as obras do propio Marcial del Adalid, como Andantino minuetto e trio pour piano à quatre mains, Galicia: marcha triunfal, Gratitud: nocturno para piano, Le grillón, La noche: balada sin palabras para piano ou El último adiós: elegía para piano.

Ademais desta impresionante colección, a biblioteca da RAG recibiu outros fondos musicais como o do escritor e académico da institución Leandro Carré Alvarellos, en 1970, que o destacamos por conter, entre outras obras de fondo galego, as tituladas ¿Cómo foy?...: melodía para canto y piano, de José Baldomir; Un sospiro: melodía, de Canuto Berea; Melodía gallega para canto y piano, de José Castro (Chané); Negra sombra e Unha noite na eira do trigo, de Juan Montes ou Himno regional gallego e Alborada gallega, de Pascual Veiga.

No 2014, a Real Academia Galega recibiu a colección de música impresa do pianista e compositor coruñés Eduardo Dielh de Souza (1910-1992).

Está formada por 425 partituras, a maior parte delas editadas en Madrid na primeira metade do século XX.

Trátase dun fondo con gran cantidade de zarzuelas, no que están representados autores como Isaac Albéniz, Ruperto Chapí, Federico Chueca, Enrique Granados, Jacinto Guerrero, Pablo Luna, José Serrano ou Amadeo Vives.

Ademais destas bibliotecas particulares, a RAG conta cun fondo xeral de música impresa que consta dunhas 300 obras, na súa maioría do século XX, con abundante presenza de fondo galego, no que se atopan, entre outros autores, Marcial del Adalid, José Baldomir, Canuto Berea, Pilar Castillo, José Castro “Chané”, Andrés Gaos, Juan Montes, Luís Taibo, Pascual Veiga ou Rogelio Groba.

No restante fondo da biblioteca da RAG tamén é posible atopar algunhas partituras que acompañan o texto das obras a modo de ilustracións e, por suposto, biografías de compositores e estudos xerais sobre a música, ademais de numerosos cancioneiros galegos con notación musical, como pode ser o Cancionero musical de Galicia, reunido por Casto Sampedro Folgar, en edicións de 1942, 1982 e 2007 ou o Cancionero gallego, recompilado por Eduardo Martínez Torner e Jesús Bal y Gay, editado no 2007.

Ademais da música impresa, podemos encontrar gravacións musicais en soportes como casetes, CD ou DVD.