"Nome que se lle dá coloquialmente a unha persoa en lugar do seu propio, tomado dos seus defectos físicos, morais ou doutras circunstancias". Así define o Dicionario da Real Academia Galega o alcume, alcuño ou adeallo, tamén designado na nosa lingua como nomeada. Este tipo de nome propio será o eixe da III Xornada de Onomástica Galega, coordinada pola académica correspondente e membro do Seminario de Onomástica da RAG Ana Boullón. O encontro, como os dous anteriores, celebrarase coa colaboración da Deputación de Pontevedra e o Museo de Pontevedra, que acollerá as sesións que se desenvolverán en horario de mañá e tarde.
Tras a inauguración ás 9:30 horas, o profesor Xoán Carlos García Porral abordará a antropoloxía do alcume deténdose na casuística de dúas aldeas do Concello de Lalín; a profesora e membro da Asociación Galega de Onomástica (AGOn) Rosario Soto Arias falará dos alcumes e sobrenomes na Galicia medieval e a tamén integrante da AGOn Lidia Gómez Martínez ofrecerá unha aproximación á clasificación lingüística dos alcumes en Galicia.
O programa retomarase ás 12:30 horas cunha nova sesión na que a profesora Anxos Rial falará do proxecto sobre os alcumes do barrio pontevedrés da Moureira desenvolvido polo alumnado do IES Sánchez Cantón o pasado curso. A seguir, a académica correspondente Luz Méndez, membro da AGOn e asesora lingüística da CRTVG, profundará nos sobrenomes nos apelidos. Xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, David Rodríguez, técnico de normalización lingüística do Concello de Cedeira, ofrecerá un relatorio sobre alcumes colectivos, os chamados xentilicios festivos, referidos aos poboadores de certas localidades, no Portal de ditados tópicos galegos, e Adrián Estévez Iglesias, da Fundación Otero Pedrayo, outro dedicado aos nomes de usuario das persoas que editan a Wikipedia e as motivacións destas escollas.
Unha mesa redonda sobre perspectivas multidisciplinares no estudo da onomástica poralle o ramo á xornada a partir das 18:00 horas. Nesta última sesión amosaranse as posibilidades que os topónimos ofrecen no estudo sobre campos tan diversos como a literatura ou a botánica. O catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña Manuel Ferreiro achegarase á toponimia pondaliana; Jaime Fagúndez, investigador da mesma universidade, abordará o valor dos fitotopónimos para os estudos botánicos; e José Carlos Sánchez Pardo e Marcos Fernández Ferreiro, da Universidade de Santiago de Compostela, falarán sobre a importancia da identificación e xeorreferenciación dos topónimos altomedievais.
As sesións serán presentadas polos membros do Seminario de Onomástica da RAG Xesús Ferro Ruibal, Antón Palacio, Gonzalo Navaza e a propia coordinadora do programa, Ana Boullón.