A Fundación Penzol percorre nunha mostra a historia do Día das Letras Galegas

Máis dun cento de carteis, fotografías, folletos, recorte de prensa e outros documentos ofrecen un percorrido pola historia do Día das Letras Galegas na exposición inaugurada onte na Fundación Penzol, na Casa da Cultura Galega de Vigo.

O presidente da RAG intervén na inauguración da exposición da Fundación Penzol


A mostra O Día das Letras Galegas. 55 anos de historia foi comisariada polo director da Fundación Penzol, Francisco Domínguez, e María Dolores Cabrera. Entre as pezas expostas poden verse sete carteis deseñados por Xoán Ledo, entre eles o do 17 de maio de 1963, o primeiro Día das Letras Galegas, dedicado a Rosalía de Castro. A viúva do artista, Mimi Alonso, participou na inauguración da exposición, un acto no que interveu o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes. A mostra poderá visitarse ata o vindeiro 3 de xuño.