A Fundación Granell celebra as Letras de Carvalho Calero cun maratón de lectura

A Fundación Granell está a celebrar hoxe o seu maratón de lectura do Día das Letras Galegas, cadrando co aniversario do artista cuxo legado preserva. O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, participou na inauguración desta actividade poñéndolle voz ao poema que Ricardo Carvalho Calero dedicou ao seu amigo e tamén escritor Álvaro Cunqueiro, incluído no volume Futuro condicional (1961-1980).

O tradicional maratón de lectura do Día das Letras Galegas que a Fundación Granell organiza no mes de maio tivo que adiarse por mor da situación sanitaria e está a ter lugar na semana en que se celebra o aniversario do pintor surrealista, nado en 1912 –só dous anos despois que Ricardo Carvalho Calero– e que pasou a súa infancia e mocidade en Santiago de Compostela. O artista e o filólogo e escritor ferrolán ao que este ano a RAG lle dedica as Letras Galegas coñecéronse naqueles anos de xuventude, como lembra o propio Eugenio Granell nas súas Memorias de Compostela. "De Carballo Calero no recuerdo el nombre, pero no se me borró el prestigio de su estampa. Me asombraba su dominio de un horizonte cultural que me imaginaba inabarcable", expresa nesta obra, cuxo mecanoscrito se exhibe na sala en que está a ter lugar o maratón.

Víctor F. Freixanes escolleu os versos que Carvalho Calero lle dedicou a Álvaro Cunqueiro, compañeiro tamén de xeración e amigo dende os anos universitarios en Santiago de Compostela. O presidente da Real Academia Galega participou na inauguración desta cita canda a concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela, Mercedes Rosón; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; a deputada provincial Milagros Castro; o concelleiro José Antonio Constenla Ramos e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Tras a lectura de distintos fragmentos da obra ensaística e poética de Ricardo Carvalho Calero por parte dos representantes institucionais, o maratón prosegue coa participación de veciños e veciñas de Santiago de Compostela que están a compartir anacos de títulos como A xente da Barreira (a primeira novela en galego da posguerra) ou Scórpio.