A dixitalización de publicacións da RAG complétase con 177 títulos editados dende 1906

A Real Academia Galega acaba de completar a incorporación da práctica totalidade das obras que editou, dende a súa fundación en 1906, á sección de publicacións dixitais desta páxina web. As novas achegas son en total 177 títulos con preto de 37000 páxinas que abranguen dende o primeiro dicionario da RAG (1913-1928) ata discursos de ingreso na Academia e as distintas normas da lingua, entre outros traballos. O catálogo completo suma así uns 325 volumes dixitalizados que poden consultarse de balde dende calquera parte do mundo cun simple clic, de acordo co propósito da RAG de ofrecer á cidadanía todas as súas publicacións en aberto.

Un momento dos labores de dixitalización levados a cabo na sede da Real Academia Galega. Fonte: RAG

O Diccionario gallego-castellano que a RAG publicou en fascículos entre 1913 e 1928 é un dos exemplares que xa poden descargarse en academia.gal. O manual, elaborado polo historiador César Vaamonde Lores, segundo arquiveiro-bibliotecario da Academia, é unha contribución incompleta que remata na voz cativo, pero de indubidable interese histórico e lexicográfico. Alén de atender, coma os anteriores dicionarios galegos, a recolla de voces usadas, antigas ou modernas, este foi o primeiro que se preocupou tamén pola modernización do idioma. Inclúe así tanto formas usadas de xeito tradicional como neoloxismos da época e ofrece exemplos tomados de obras lexicográficas de Sarmiento ou do Padre Sobreira, así como versos de obras medievais e contemporáneas a modo de exemplos.

As edicións orixinais dos discursos de ingreso na RAG de figuras como Ramón Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xenaro Mariñas del Valle, Xosé Neira Vilas e Luz Pozo Garza constitúen outro bloque destacado de obras dixitalizadas que incorporan o recoñecemento óptico de caracteres. Tamén se completou desta volta a dixitalización de edicións especiais co gallo do Día das Letras Galegas ao coidado de membros da Academia, entre elas as dos títulos dedicados a Ramón Cabanillas (1976), de Carballo Calero; Francisca Herrera Garrido (1987) e Otero Pedrayo (1988) a cargo de Carlos Casares; Celso Emilio Ferreiro (1989) por Antonio Fraguas; Álvaro Cunqueiro (1991), por Xosé Filgueira Valverde; Rafael Dieste (1995), a cargo de Salvador García Bodaño; ou Xesús Ferro Couselo (1996), de Olga Gallego.

Entre as monografías que se suman á lista de títulos ofrecidos para consulta dixital figuran ademais as normas históricas da lingua galega ditadas pola RAG dende os anos 70 do século pasado, a mais versión provisional do Vocabulario ortográfico da lingua galega (1990).

A edición das cartas a Murguía conservadas na RAG ao coidado dos académicos Xosé Ramón Barreiro e Xosé Luís Axeitos (2003 e 2005); os dous volumes de Libros e autores galegos de Ricardo Carballo Calero (1979 e 1982) e o estudo e edición da Crónica troiana (1985) do tamén académico Ramón Lorenzo forman parte doutro grupo de títulos dixitalizados que foron editados no seu día pola RAG e a Fundación Barrié, entre os que tamén se atopan achegas externas como o Diccionario de Fole (1997) de Xosé Cora.

Tamén se incorporaron os sete primeiros número da publicación periódica Cadernos de Lingua, que estaba incompleta en versión dixital e que agora pode consultarse e descargarse na súa totalidade; e os folletos e catálogos do centenario da Academia e dos distintos congresos organizados pola RAG arredor da figura e da obra de Emilia Pardo Bazán, entre outros volumes.

As novas dixitalizacións foron realizadas con cargo ás subvencións da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia para a dixitalización do patrimonio cultural galego e a súa preservación e difusión en Galiciana-Patrimonio Dixital de Galicia, onde tamén poderán consultarse. Alén de mellorar a accesibilidade ás obras, cumpren outro obxectivo fundamental: evitar a deterioración dos exemplares orixinais custodiados na biblioteca da RAG, xa que moitas consultas ata o momento física poderán resolverse de maneira exclusivamente virtual.