Nada en Canarias, Imelda Capote chegou a Galicia a comezos do ano 2000, onde decidiu establecerse para continuar cunha carreira dentro da administración pública que a levaría a ocupar o posto de delegada especial da Axencia Tributaria en Galicia no ano 2013. Baixo a epígrafe “Universos de cristal”, Imelda Capote reflexionará sobre o novo liderado feminino no sector público e sobre os retos para lograr a igualdade efectiva en postos de responsabilidade.
A RAG e o Concello da Coruña retoman con ela o ciclo de conversas que coorganizan co gallo do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán. O programa, que arrincou o pasado mes de marzo, reunirá no que foi o fogar da escritora coruñesa na súa cidade natal un total de oito mulleres que son referentes nos seus respectivos campos para reflexionaren sobre os avances do feminismo e o camiño que aínda queda por percorrer para acadar a igualdade real. O ciclo xa contou coa alcaldesa da Coruña, Inés Rey, a académica Marilar Aleixandre, a música Susana Seivane e a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro. Imelda Capote abre a nova quenda de entrevistas tras o verán, que continuará nos vindeiros meses con Rosa Martínez, primeira directora da Radio Galega; María de la Cámara, xefa da sección de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC); e a escultora Soledad Penalta.