O alcalde de Xunqueira de Ambía, José Luís Gavilanes Losada, contactou coa Real Academia Galega e coa Secretaría Xeral da Lingua para levar a iniciativa a este concello, alertado polo perigo que corren de perderse os nomes menores que forman parte da memoria colectiva e do patrimonio inmaterial. Este municipio ourensán sofre un forte avellentamento e perdeu no que vai de século case a metade da súa poboación (ata caer a unhas 1.300 persoas), dous factores que aceleran o risco da perda deste tesouro. Ademais, Xunqueira de Ambía non foi obxecto de traballo do Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011), e desde a posta en marcha a finais de 2019 do portal Galicia Nomeada só 4 persoas amosaron interese en participar nesta proposta desde Xunqueira de Ambía. Rexistráronse así apenas 27 topónimos para todo termo municipal, unha cifra que o converte nun dos concellos do país con menos achegas públicas á plataforma.
O público que asista á charla aprenderá como empregar Galicia Nomeada, tanto na súa versión web como na aplicación para dispositivos móbiles. A parte final do relatorio centrarase na explicación da orixe e do significado dos topónimos do municipio. Entre outros moitos, falarase dun nome con moitos séculos de antigüidade, Ambía, un topónimo que a xuízo de varios historiadores foi un nome alternativo ao río Arnoia ao seu paso por esta zona. A hipótese que goza de maior consenso na actualidade é consideralo un hidrónimo prerromano, un derivado en –ía do celtismo Amba ‘auga’ ou ‘río’, presente noutros topónimos como Ambosores, Ambas Mestas... Este celtismo sobrevive no léxico común na palabra ámboa, que é o nome que lle dan na zona de Lemos a un tipo de recipiente de barro.



