Biblioteca

A biblioteca de José Fontenla Leal

En 1920, ingresaba na Biblioteca da Real Academia Galega un valioso conxunto de obras enviadas dende A Habana, na súa maioría relacionadas con Galicia, procedentes da biblioteca de José Fontenla Leal (Ferrol, 1864 – A Habana, 1919), un dos galegos máis comprometidos coa súa terra na emigración cubana.

1/15

O seu profundo galeguismo levouno a promover numerosas iniciativas en terras do alén mar, como a creación, xunto con Curros Enríquez, da Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, xénese da actual RAG, da que foi académico correspondente, ou a creación do Himno Galego e a súa estrea na Habana en 1907.

Fontenla Leal mostraba grande erudición en temas galegos grazas á súa constante formación autodidacta, que o levou a reunir unha biblioteca que superaba os 3.000 volumes, dos que máis de 1.000 eran exclusivamente galegos. Destinaba gran parte do seu soldo á compra da bibliografía que lle interesaba e incluso tiña dada a consigna a varias editoriais da Coruña, Madrid e Barcelona para que lle enviasen todo o relacionado con Galicia.

Á súa morte, o 20 de decembro de 1919, gran parte deses libros xa foran doados polo seu propietario ao Centro Gallego da Habana, institución da que fora bibliotecario. O resto foi entregado á Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega para ser enviado á sede da RAG na Coruña, nun acto ante notario ao que asistiron o seu fillo, José Fontenla Rizú, e o Vicepresidente da Asociación Iniciadora, Vicente Ruíz Castañeda.

Esta importante colección de máis de 600 volumes ingresou formalmente na biblioteca da RAG o 16 de xullo de 1920, como así consta no seu libro de rexistro.

Trátase dunha biblioteca da segunda metade do século XIX e principios do XX, aínda que tamén están presentes algúns libros máis antigos.

As obras están publicadas en diversas cidades galegas, sobre todo na Coruña, pero tamén noutras cidades españolas, maioritariamente en Madrid, ou do continente americano, como La Habana ou Buenos Aires.

Respecto aos autores representados atopamos, entre outros, a Antonio López Ferreiro, Francisco Tettamancy, Aurelio Ribalta, Narciso Correal, Benito Jeróimo Feijoo ou Ramón Cabanillas, e tamén autores estranxeiros como Balzac, Heine, ou Tolstoi. Chama a atención a abundante presenza de obras das autoras galegas Emilia Pardo Bazán, Concepción Arenal, Rosalía de Castro ou Sofía Casanova.

No que concirne á temática presente neste conxunto bibliográfico, predominan dentro da variedade os temas relacionados con Galicia, especialmente a literatura, historia e cultura popular. Tamén hai exemplares centrados na historia americana ou en temas de ámbito máis xeral como a música.

O carácter bibliófilo do propietario queda patente no bo estado de conservación dos exemplares, moitos deles encadernados en pel, así como tamén na presenza de diferentes edicións para unha mesma obra, como é o caso de Follas novas de Rosalía de Castro ou do Teatro crítico universal de Benito Jerónimo Feijoo.

Incrementa o valor da colección a presenza de obras tan significativas como Il canzoniere portoghese della Bibliotheca Vaticana (Halle A.S, 1875), Il canzoniere portoghese Colocci-Brancutti (Halle A.S, 1880), ou os dous volumes publicados en Santiago en 1733 e 1736, respectivamente, da obra Anales del Reyno de Galicia, de Francisco Xavier de la Huerta y Vega.

Así mesmo, están presentes nalgunhas obras fermosas dedicatorias dos seus autores, como a que consta na anteportada da primeira edición de Vento Mareiro, do seu querido Cabanillas. Esta obra inclúe tamén a seguinte inscrición impresa na súa cuberta en pel: “Para José Fontenla”, o que individualiza aínda máis o exemplar. Outro fermoso exemplo é o da 2ª edición da obra titulada Boicentril, de Francisco Tettamancy: “Para o meu amigo D. Xosé Fontenla, o gallego mais enxebre que conta a colonia gallega en terra cubana. Lembranza de Fco. Tettamancy. Mes de Marzo 1917”. Precisamente nesta data atopábase Fontenla de viaxe en Galicia, comisionado polo Centro Gallego da Habana para acompañar ata A Coruña os restos de José Castro “Chané”. Era a derradeira vez que pisaba a súa amada terra natal.