Biblioteca

A biblioteca de Emilia Pardo Bazán na Real Academia Galega

A Real Academia Galega custodia dende o ano 1978, na súa sede da rúa Tabernas, preto de 8.000 volumes que pertenceron á escritora Emilia Pardo Bazán. A este conxunto hai que engadir outros 3.000 volumes máis, tamén da escritora, actualmente no Pazo de Meirás, que a Academia conseguiu recuperar.

A declaración de ben de interese cultural (BIC) para este conxunto bibliográfico, solicitada pola RAG, permitirá reunir e protexer a totalidade dos exemplares, ademais dos que poidan atoparse noutras localizacións.

Tras o pasamento da escritora, a maior parte da colección atopábase no Pazo de Meirás, residencia de verán da autora, onde dedicaba gran parte do tempo ás súas lecturas. En 1938, froito dun “obsequio” do pobo coruñés, pasa a ser propiedade, xunto co pazo, do xeneral Francisco Franco, como testemuñan os ex libris presentes nalgúns dos exemplares. Corenta anos despois, e tras sufrir un incendio no que moitos volumes se perden para sempre e outros quedan malferidos, parte deste fondo, uns 7.500 volumes, pasa a mans do Ministerio de Cultura, que finalmente o doa á Real Academia Galega.

Á actual colección da RAG hai que engadir uns 450 volumes que xa formaban parte da casa da rúa Tabernas.

Dentro do fondo da escritora inclúense, ademais dos seus propios libros, algúns procedentes da biblioteca paterna, como tamén algunhas achegas posteriores dos seus herdeiros.

Chama a atención que unha muller do século XIX chegase a posuír unha das máis importantes bibliotecas do seu tempo, se ben é certo que dona Emilia foi lectora dende moi nena, facendo uso da extraordinaria biblioteca do seu pai. Por outra parte, a súa intelixencia, a súa constancia e o seu carácter loitador deron lugar a unha formación autodidacta, baseada nas súas constantes e produtivas lecturas.

Se a isto engadimos que co paso dos anos foron medrando os seus contactos con numerosos intelectuais da época a través das súas viaxes, faladoiros literarios e correspondencia, non é de estrañar que moitos destes libros chegasen ás súas mans como agasallo dos propios autores. De feito, unha cuarta parte das obras presentan dedicatorias autógrafas a dona Emilia. Podemos citar como exemplo a Curros Enríquez, Pondal, Unamuno, Machado, Juan Ramón Jiménez ou Zola, entre outros, o que revaloriza de maneira considerable a colección.

Tematicamente, a biblioteca reflicte tanto as tendencias literarias da época como os gustos particulares da escritora.

A literatura representa aproximadamente un 70% da biblioteca, predominando a novela, en especial a novela española, seguida da francesa. Pero tamén conta con exemplares de literatura galega, catalá, suramericana, inglesa e rusa.

Pódense atopar, por exemplo, obras de Valera, Pereda ou Galdós, autores que influirían na creación de Pascual López, autobiografía de un estudiante de medicina, pero tamén de Walter Scott, Flaubert, Balzac e, por suposto, Zola, máximo representante do naturalismo e que a autora tiña moi presente á hora de escribir Los Pazos de Ulloa e La madre naturaleza, así como La Cuestión Palpitante.

Entre os autores galegos máis frecuentes nesta biblioteca figuran Concepción Arenal e Antonio López Ferreiro.

Pódese atopar tamén un nutrido grupo de libros dedicados á situación das mulleres, como Conseils aux mères sur les moyens de diriger et d´instruire leurs filles (París, 1846), de Auguste-François Thery, Historia moral de las mujeres (Madrid, 1860), de Ernest Legouvé ou La misión de la mujer en la sociedad y en la familia (Madrid, 1881), de Francisco de Asís Pacheco, así como libros de viaxes e guías turísticas, propios da súa afección viaxeira.

Dende o punto de vista cronolóxico, é unha biblioteca de finais do século XIX e principios do XX. O fondo antigo, agás algún exemplar do século XVIII, é moi escaso.

Polo que se refire ao lugar de publicación das obras, a maior parte están editadas en España e Francia. O resto repártese entre Portugal, Reino Unido, Italia, Alemaña, EEUU e os países hispanoamericanos.

As linguas predominantes nesta biblioteca son o castelán e o francés, pero tamén atopamos libros en inglés, galego, catalán, portugués e italiano.

En resumo, trátase dunha biblioteca cosmopolita de finais do século XIX e principios do XX, propia dunha intelectual viaxeira e coñecedora de idiomas.

A este conxunto hai que engadir tamén o grupo de publicacións periódicas custodiadas na Hemeroteca, entre as que se atopan: La ciencia cristiana (Madrid), La España moderna (Madrid), Barcelona cómica (Barcelona), La revue des revues (París), La revue politique et litteraire (Paris) e Almanach das senhoras (Lisboa).