Biblioteca

A biblioteca de arte de Luís Seoane

Este fondo constitúe un conxunto de extraordinario valor, considerado único no noso país pola súa singularidade, xa que aborda unha temática moi especializada, centrada na pintura do século XX, e ten un carácter internacional polos lugares de publicación das obras e as linguas empregadas, ademais de estar formado por primeiras edicións e exemplares belamente ilustrados, con características físicas individualizadoras que lle engaden aínda máis valor.

Ilustración da obra Quatre siècles de surréalisme

O 30 de xullo de 1980, Maruxa Fernández, viúva do artista e escritor Luís Seoane (1910-1979), entregaba á Real Academia Galega a biblioteca de arte do seu home, composta por 2.704 volumes, procedente de Buenos Aires, cidade onde naceu o intelectual e á que tivo que regresar dende Galicia anos despois, debido a súa condición de exiliado por mor da súa ideoloxía política.

O fondo viaxou dende Buenos Aires ata Bilbao por vía marítima, no barco capitaneado por Ariel Canzani, amigo de Seoane. De aí continuaría por vía terrestre ata A Coruña.

Trátase dunha biblioteca especializada na arte contemporánea do século XX, especialmente na pintura. Foi reunida ao longo de corenta anos e moitos dos exemplares foron mercados durante as viaxes do seu propietario.

Ilustración da obra La gravure

Contén obras relacionadas con multitude de artistas, destacando pola cantidade as obras dedicadas a Klee, Miró, Matisse, Grosz e, moi especialmente, Picasso.

Detéctanse, ademais, algúns trazos que revelan as preferencias e intereses do propietario, como as obras sobre o expresionismo, a pintura mural, a arquitectura de Le Corbusier ou Gaudí, a ilustración de libros, o deseño industrial ou o mundo da artesanía.

O 75% dos volumes está impreso a partir dos anos cincuenta do pasado século.

Agás casos moi contados, todas as obras que forman parte desta biblioteca son primeiras edicións.

Chama a atención o carácter internacional da colección, tanto polos lugares de publicación das obras como polos idiomas empregados nelas.

Destacan, pola cantidade, as impresas en Buenos Aires e París. Só un 20% do fondo está impreso en España, maioritariamente en Madrid e Barcelona.

En canto aos idiomas, as obras están escritas principalmente en español, inglés, francés, alemán e italiano.

Fisicamente, son volumes en xeral de gran tamaño e contan con ilustracións, gran parte delas en cor.

Forman parte do conxunto 63 títulos de publicacións periódicas, ilustradas e de gran tamaño, con características semellantes ao resto canto á temática, datas e lugares de publicación. Só sete destes títulos están publicados en España, e destacan pola cantidade os 27 que se publicaron en París.

Cómpre subliñar, ademais, que algúns exemplares da colección posúen trazos individualizadores que lles engaden aínda máis valor, como o feito de conter dedicatorias manuscritas a Luís Seoane por parte dalgúns autores, como Geo Dorival ou Demetrio Urruchúa.

Tamén constitúen un valor engadido os exemplares numerados, así como as marcas a lapis do propio Seoane en determinados parágrafos do texto dalgunhas obras para salientar ideas, como ocorre na obra titulada Henri Matisse de Raymond Escholier. Ademais, case a práctica totalidade dos exemplares leva o ex-libris deseñado polo propietario, que neste caso se trata dun artista consagrado. Todo un luxo.

Cómpre salientar, dentro do conxunto, a bibliografía relacionada co pintor Pablo Picasso, o que dá unha idea do interese de Luís Seoane por este pintor, que se converte no preferido dentro da colección, representando un 10% do total.

A maioría destas obras está publicada no estranxeiro, destacando as editadas en París, Nova York e Buenos Aires. As editadas en España son maioritariamente de Madrid e Barcelona, sobre todo desta última cidade.

A maior parte publicáronse entre os anos 1940 e 1978 e son primeiras edicións, moitas delas ilustradas.

Entre as obras atopamos 6 exemplares numerados e 9 que presentan marcas a lapis que fan que nos deteñamos en determinados parágrafos do texto.

Tamén hai un exemplar cunha dedicatoria de varias persoas a Luís Seoane e á súa dona, datada en 1973.