En memoria de Fernando Cabeza Quiles,
amador e infatigable estudoso da nosa toponimia
Os primeiros nomenclátores oficiais da Península Ibérica naceron canda as reformas territoriais do século XIX: a nova ordenación administrativa precisaba dunha relación sistemática dos núcleos de poboación. En Galicia, a toponimia viuse interferida pola lingua en que todo estaba redactado, o castelán, o que ocorría desde que o galego fora desterrado da documentación oficial, no século XVI. Así, moitos nomes de lugar aparecían con diversas deformacións morfolóxicas (-ones por -óns), léxicas (traducións, como Puerto por Porto), fonéticas (Seijo por Seixo), todo isto co fin de apagar as características propias da nosa lingua.
Cando chega a democracia a finais do século XX e se recoñece o status da lingua galega, na Lei de normalización lingüística (Lei 3/1983, do 15 de xuño) establécense dúas disposicións fundamentais para a recuperación da toponimia: a forma galega dos topónimos será a única oficial para todos os efectos, e a súa fixación competeralle á Xunta de Galicia. Ademais, estimarase como criterio de autoridade o establecido pola Real Academia Galega. A partir dese momento, comezou o longo proceso de recuperación e estandarización dos nosos nomes de lugar, que culminou coa publicación do Nomenclátor de Galicia (NG) en 2003.
Os criterios baseáronse, fundamentalmente, no respecto ó uso vivo actual da variante dialectal correspondente con adaptación á grafía oficial da lingua galega. Así, mantéñense formas con diferentes terminacións (Fontán/Fontao, Chan/Chao), desinencias de plural (Currais/Currás, Casais/Casás), con seseo (Brandariz/Brandarís, Formariz/Formarís), ou outras variacións fonéticas (Golpilleiras/Golpelleiras). Tamén se restitúen formas que foran traducidas ou castelanizadas de forma masiva: Eirexa/Eirexe/Grixa/Igrexa etc., no canto dos milleiros Iglesia que inzaban as listaxes. Ese proceso non foi sistemático, como vemos nos compostos con Vila, unhas veces transformados en Villa e outras non. Antón Santamarina deu unha pauta sobre estas dinámicas: “canto máis importante é demograficamente unha poboación tanto maior será a circulación do seu nome e, polo tanto, máis risco corría de ser castelanizado”. Isto motivou que algunhas desas formas tivesen un alto grao de implantación, non só nos textos escritos, senón tamén na sociedade. Porén, cómpre dicir que, malia algúns intentos ferreños de certos alcaldes para impedir o cumprimento da lei, a aceptación social das propostas foi moi xeneralizado; por iso hoxe o uso das formas propostas polo NG é xeral e normal, mesmo algunhas que foron obxecto de debate (A Coruña, A Pobra, Vilalba, Ordes).
Cal é a razón, logo, dunha revisión agora do Nomenclátor?
En todas as institucións responsables dos nomenclátores oficiais hai revisións periódicas; en realidade, o rechamante é que non se fixese antes. En corpus tan grandes (o NG consta agora de 42.909 nomes, entre os de lugares, parroquias e concellos) é sempre un labor necesario. Decídese revisar un topónimo cando se observan discrepancias con respecto ás fontes históricas ou a outros nomenclátores, ou cando se dispón de novos datos. Daquela, consúltase a documentación histórica de cada voz e a bibliografía existente. Cando se comezou o labor de confección do NG nin sequera existía Internet. Agora mesmo dispomos de repositorios dixitais con datos históricos que permiten recadar con rapidez os datos para confirmar ou refutar unha proposta.
Poñamos algúns exemplos. No NG 2003 aprobárase A Cañiza, castelanismo que se consideraba consolidado desde moi antigo. Agora puido constatarse que Caniza (ou Caniça, na documentación máis antiga) é forma documentada ininterrompidamente desde a Idade Media ata hoxe en día. Campo Lameiro foi unha creación de 1916, xuntando os nomes de dúas localidades, O Campo e O Lameiro; o que se fixo agora foi incorporar o artigo que a primeira delas tivo sempre. Moscoxo, en Pazos de Borbén, non reflectía no anterior nomenclátor a pronuncia real do topónimo. Como Moscoso existe tamén en Ordes e en Oza Cesuras, amais de ser apelido, mais a pronuncia que hoxe grafamos con <x> atéstase para este lugar desde o séc. XV e aínda está viva na actualidade: é unha variación que se dá nalgúns outros nomes coa mesma terminación, como Ventoxo (fronte a Ventoso).
En todos estes casos a vontade é a mesma: a restitución da forma xenuína do topónimo. É necesario explicarlle ben á cidadanía que os cambios non son arbitrarios e pretenden reparar erros cometidos por falta de información. Enténdense ben as reaccións emocionais que ás veces estas mudanzas suscitan, porque todos temos un vencello persoal cos nomes dos lugares onde nacemos, onde nos criamos, onde vivimos. Por iso, estudalos e, se fai falla, cambialos, é unha mostra do respecto e do afecto que nos merecen.


