A académica de honra Nélida Piñón e o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, no centro da imaxe, posan acompañados polos demais membros da comisión executiva da Academia, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo, Rosario Álvarez e Andrés Torres Queiruga. Autor: RAG
A escritora brasileira de orixe galega converteuse hai vinte anos na primeira muller en presidir a Academia Brasileira de Letras, na que hoxe segue a ser parte do equipo directivo, e é académica de honra da RAG desde 2014.
Nélida Piñon mantivo este mediodía un encontro co presidente, Xesús Alonso Montero; o secretario, Henrique Monteagudo; a arquiveira –bibliotecaria, Margarita Ledo; a tesoureira, Rosario Álvarez; e o vicesecretario, Andrés Torres Queiruga. Entre outros asuntos, na xuntanza quedou patente a vontade de traballar na procura de futuras colaboracións entre a RAG e a Academia Brasileira de Letras.
A escritora está a pasar uns días na terra onde ten as súas raíces. A semana pasada presentou no Concello de Cotobade (Pontevedra) a segunda edición do premio de relato breve que leva o seu nome, que quedou convocada oficialmente. O prazo de presentación de obras permanecerá aberto ata o vindeiro 17 de maio e a decisión do xurado darase a coñecer en setembro de 2017.