A académica correspondente Helena González, Medalla do Consello da Cultura

O Consello da Cultura Galega acordou na última sesión plenaria concederlle unha das súas Medallas a Helena González, membro correspondente da Real Academia Galega. A profesora da Universitat de Barcelona foi recoñecida canda Luis García Montero, director do Instituto Cervantes, pola súa contribución á promoción da lingua e a cultura galegas no exterior.

Helena González Fernández. Foto: Ramon Moretó (CC-BY)

As Medallas do Consello da Cultura Galega foron creadas en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de xeito especial nos servizos prestados ao CCG ou á cultura galega en xeral. Este recoñecemento pretende situar a importancia da diplomacia cultural e da acción exterior para o futuro da cultura galega, así como o importante peso da diáspora na conformación da imaxe da Galicia contemporánea. A entrega dos galardóns terá lugar nun acto presencial que se desenvolverá no primeiro trimestre de 2022.

A académica correspondente Helena González Fernández (Vigo, 1967) é profesora de literatura galega e directora do ADHUC-Centre de Recerca Teoria, Gènere, Sexualitat da Universitat de Barcelona. As súas liñas de investigación céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e mais as relacións culturais entre Galicia e Cataluña.