Henrique Monteagudo no XI Congreso da AIEG
Xurdida na década dos 80 nos Estados Unidos co fin de promover os estudos galegos a nivel internacional e o intercambio entre as diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega, a AIEG centrou o seu XI Congreso, celebrado os días 6, 7 e 8 do presente mes en Bos Aires, na análise da situación actual da lingua e a cultura galegas, así como no estudo do herdo cultural producido pola comunidade galega establecida en Bos Aires.
O XI Congreso da AIEG -presidido pola profesora e membro correspondente da Academia, Débora Campos- contou coa colaboración da Academia e coa participación, ademais, de tres dos seus membros: o secretario, Henrique Monteagudo, quen revisou na súa intervención a relación entre emigración, lingua e sociedade en Galicia; a tesoureira, Rosario Álvarez, que moderou unha mesa de debate baixo o rótulo de "Variación, hibridación e representacións da lingua" e o escritor e membro de número Víctor Freixanes, coordinador dun ciclo de diálogos titulado "Buenos Aires, capital da cultura galega".