Homenaxe a Primitivo R. Sanjurjo no cemiterio de San Francisco (Foto: Pepe Díaz)
A homenaxe a Primitivo Rodríguez Sanjurjo, que consistiu na descuberta dunha placa situada á beira da súa tumba, tivo lugar no Cemiterio de San Francisco. No acto estiveron presentes o presidente e o secretario da Academia, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo; a escritora Julia Sáez en nome de Josefina Rodríguez, filla de Primitivo R. Sanjurjo, e o estudoso Afonso Monxardín, quen introduciu os presentes na figura do autor de Las mesetas ideales, amigo de Otero Pedrayo e Vicente Risco e cofundador, con este último, da revista La Centuria.
Xa no Liceo Ourensán, onde teñen lugar as Xornadas Eduardo Blanco Amor na honra do autor d'A Esmorga no seu 35 cabodano, cuxo programa podes descargar aquí, Xesús Alonso Montero deu lectura a unha conferencia titulada: Tres incursións na vida e na obra de Blanco Amor: Manuel Azaña, García Lorca e a sociolingüística. No seu discurso, o presidente da Academia definiu a Blanco Amor como "un dos grandes da literatura europea do século XX", e salientou, así mesmo, a necesidade de dar a coñecer a nivel internacional unha obra da importancia d'A Esmorga.
Este acto contou coa presenza, entre outros, do Conselleiro de Educación e Cultura, Xesús Vázquez Abad e do presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar.