A Academia e o Concello de Ferrol abordan a celebración do Ano Ricardo Carvalho Calero

O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, mantiveron hoxe unha reunión no pazo municipal con motivo da celebración en 2020 do Día das Letras Galegas dedicado a Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990). Víctor F. Freixanes manifestou a intención da institución de celebrar o pleno extraordinario do 17 de maio na cidade natal do escritor, filólogo e profesor, un acto público que, segundo se confirmou no encontro, terá lugar no teatro Jofre.

Víctor F. Freixanes e Ángel Mato na xuntanza mantida hoxe no pazo municipal de Ferrol. Fonte: Concello de Ferrol


Na xuntanza tamén participaron o secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo; o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; e a concelleira de Economía e Facenda, María Teresa Deus. Ambas as partes amosáronse dispostas a colaborar ao longo do ano na organización de diferentes iniciativas para divulgar a figura do profesor Carvalho Calero e concordaron na oportunidade que debe supor a celebración das Letras Galegas do vindeiro ano para impulsar o proxecto de rehabilitación da casa familiar do homenaxeado en Ferrol Vello.

O seu concello natal prevé abrir o calendario de celebracións cunha exposición sobre Carvalho Calero que se inaugurará no Centro Cultural Torrente Ballester arredor de febreiro. Ese mesmo mes a Real Academia Galega presentará a edición do proxecto para alumnado de infantil e primaria Primavera das Letras dedicada á súa figura. Outra cita destacada, alén do propio 17 de maio, será o simposio científico que a RAG organizará para profundar na súa traxectoria vital e intelectual.

O pleno da Real Academia Galega acordou o pasado 22 de xuño dedicarlle o Día das Letras Galegas de 2020 a Ricardo Carvalho Calero, cadrando cos 110 anos do seu nacemento e os 30 anos do seu pasamento. O profesor ferrolán, unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX, desenvolveu unha traxectoria vital fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX. Foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. Membro da Real Academia Galega, destacou tanto no ámbito da creación literaria como na crítica e na investigación filolóxica, e foi o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas (1972).