A Academia e Fomento asinan un protocolo de colaboración para rehabilitar a sede da institución

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, asinaron esta mañá un protocolo xeral de colaboración entre as dúas institucións para a rehabilitación da sede da Academia, no número 11 da rúa Tabernas da Coruña, onde se desenvolveu o acto.
Xesús Alonso Montero, e a ministra de Fomento, Ana Pastor
O presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, e a ministra de Fomento, Ana Pastor, durante a sinatura do protocolo. Foto: Kiko Delgado


No protocolo, ambas as partes expresan a vontade de desenvolver as actuacións necesarias para a elaboración do proxecto técnico e posterior realización das obras. O Ministerio de Fomento, a través da Secretaría de Estado de Infraestruturas, Transporte e Vivenda, manifesta a súa intención de intervir no financiamento e na execución das devanditas obras, así como tamén no financiamento dos honorarios por redacción do proxecto e da dirección facultativa das obras.

O presidente Alonso Montero agradeceu á ministra o compromiso adquirido coa rehabilitación do edificio, que acubilla, salientou, "un gran tesouro", "a mellor biblioteca galega do mundo", con máis de 60.000 volumes. "Aquí non só se conservan escritos en galego, senón tamén textos sobre Galicia en calquera idioma e de autores nados en Galicia", explicou. A sede da Real Academia Galega acolle tamén a Hemeroteca e o Arquivo da RAG, unha sala de consulta, a secretaría e o salón de actos da Academia, ademais da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.

A ministra Ana Pastor coincidiu co presidente na necesidade de acometer unha serie de obras que garantan a conservación do edificio, un pazo do século XVIII, e dos bens que custodia. Felicitou ademais á Academia polo seu labor de estudo, promoción e defensa da lingua galega, "un patrimonio de todos", que a sociedade debe preservar. "Hoxe, esta lingua propia de Galicia e unha das expresións máis xenuínas da nosa terra e da nosa xente", concluíu.