O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, e o conselleiro de Cultura, Educación e Universidades, Román Rodríguez, asinaron o convenio que tamén contribuirá ao desenvolvemento de iniciativas de divulgación da figura e da obra de Xela Arias, á que a Real Academia Galega lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, e mais aos actos de conmemoración do centenario do pasamento de Emilia Pardo Bazán —en cuxo domicilio da rúa Tabernas da Coruña está a sede da RAG, a Casa-Museo da escritora e gran parte do seu arquivo e biblioteca persoal.
En total, a Xunta de Galicia contribuirá á actividade da Real Academia Galega ao longo de 2021 cunha axuda de 550.000 euros, un 7 % máis có ano anterior.