O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, será o encargado de pechar o acto, que poderá seguirse en directo a través da pantalla instalada na carpa que se montará na praza Carlos Casares.
Nado en 1941 na cidade de Ourense, Carlos Casares marchou a vivir con só tres anos a Xinzo de Limia, a vila da que seu pai era natural, e onde este exerceu como mestre durante décadas. A comarca da Limia deixou unha importante pegada na súa vida, reflectida na súa obra literaria.
O territorio da súa infancia e adolescencia foi o elixido para o acto central da Real Academia Galega neste ano dedicado á súa figura no que a institución tamén desenvolverá outras iniciativas noutros escenarios destacados da súa traxectoria. A RAG abriu en febreiro o Ano Carlos Casares coa presentación do proxecto web Primavera das Letras no CEIP Carlos Casares de Vilariño (Nigrán), onde estableceu o seu fogar, e a finais de ano celebrará un simposio sobre o autor.