Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo durante a súa visita á casa natal de Eduardo Pondal. (José Manuel Casal)
O pasado 21 de novembro, Xesús Alonso Montero e Henrique Monteagudo, presidente e secretario da Academia respectivamente, visitaron Ponteceso onde se entrevistaron cos membros da directiva da Fundación Eduardo Pondal, co fin de anunciar a celebración dunha sesión plenaria da Academia que terá lugar nesta localidade o 7 de febreiro de 2015, cincuenta anos despois do Día das Letras Galegas de 1965, dedicado ao Bardo bergantiñán.
"A Academia é a casa da literatura e, como tal, non pode negarse a unha petición deste tipo que ten como finalidade honrar unha das grandes figuras das nosas Letras, e que chega, ademais, da man dunha das asociacións culturais máis activas e comprometidas na difusión do legado de Eduardo Pondal", declarou Xesús Alonso Montero referíndose aos membros da Fundación Eduardo Pondal presentes no acto –José Luís Fondo Aguiar, Xosé María Varela e Luís Giadas- promotores da iniciativa.
Segundo anunciou o secretario da Academia, Henrique Monteagudo, esta sesión plenaria da Academia en Ponteceso, a primeira celebrada na Costa da Morte en toda a súa historia, terá un carácter monográfico e estará centrada na análise da obra do autor de Campana d'Anllóns no 180 aniversario do seu nacemento, o 8 de febreiro de 1835.
A legación da Academia completou a xornada cunha visita á casa natal de Eduardo Pondal, situada no esteiro do río Anllóns, en Ponteceso, onde foron introducidos nalgúns dos aspectos menos coñecidos da biografía do autor da letra do Himno de Galicia.