A RAG colabora na mostra, coorganizada pola Biblioteca Nacional de España, a Xunta de Galicia, Acción Cultural Española e a Comunidade de Madrid, e que conta tamén coa colaboración do Concello da Coruña. A comisaria, a catedrática da Universitat de València Isabel Burdiel, concibiu un percorrido dividido en cinco seccións que profundan no carácter multifacético de Pardo Bazán, deténdose na súa obra literaria pero tamén na proxección pública que acadou unha intelectual pioneira en moitos sentidos. Alén de destacar como narradora, a autora introduciu o feminismo no debate cultural e político da España da segunda metade do s. XIX cunha notable repercusión, e foi unha xornalista influente e mesmo empresaria cultural, cunha revista e unha editorial (Nuevo Teatro Crítico e La Biblioteca de la Mujer) que contribuíron á difusión da literatura rusa.
Xunto a fondos da Biblioteca Nacional de España e doutras entidades e prestadores particulares, o relato expositivo sérvese de pezas senlleiras cedidas para a ocasión pola Real Academia Galega, procedentes tanto da biblioteca e do arquivo institucionais como da propia Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, acubillados baixo o mesmo teito da rúa Tabernas, 11, da Coruña, no edificio do século XVIII que foi o fogar da escritora.
Entre as pezas procedentes da RAG, poden verse manuscritos e mecanoescritos con correccións feitas á man pola autora, como o orixinal de Selva [1913], novela que deixou incompleta e inédita; ou o tamén incompleto “Apuntes para el absolutismo: teorías de gobierno: sistemas”, un texto de teoría política iniciado en 1877, onde Pardo Bazán pretendeu dotar de armazón filosófica o carlismo; así como numerosas fotografías e varias cartas autógrafas adquiridas pola RAG.
Tampouco faltan obras da súa biblioteca persoal conservadas na rúa Tabernas: títulos propios en versión orixinal, traducións como A Wedding Trip e The Swan of Vilamorta, publicadas nos Estados Unidos en 1891 e que dan conta da presenza internacional que acadou Pardo Bazán, e tamén volumes doutros autores como La Terre (1887) de Zola, claro expoñente do naturalismo que tanto influíu na intelectual.
Dende a Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, a Real Academia Galega achega tamén á mostra vinte e cinco pezas, a maioría pinturas destacadas. Poden verse, entre outros, o retrato da autora de Gustav Wertheimer (1887); o da súa nai, Amalia de la Rúa, pintado por Sorolla; ou os retratos de dona Emilia e dos seus fillos, Jaime, Carmen e Blanca realizados por Joaquín Vaamonde, autor da Xeración Doente que tivo como mecenas á propia Pardo Bazán, que o converteu no protagonista da novela La Quimera.
Tamén forman parte da exposición outras pezas da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán como un cofre xoieiro estilo Luís XVI ou unha inmaculada concepción tallada por María Luisa Roldán "A Roldana" (1652-1706), primeira escultora española coñecida.