As malas mulleres (Galaxia, 2021) é unha historia a varias voces de mulleres. A de Sisca, unha presa de 15 anos, e as de figuras como Concepción Arenal e Juana de Vega. Nela Marilar Aleixandre recupera a memoria “dunha forma brillante en diálogo coa tradición literaria”, en palabras do xurado.
“Un coro de voces femininas de diversas clases sociais introduce elementos da poesía popular e da cultura oral. A autora pon o acento nas desigualdades e á vez ofrece unha ollada esperanzadora: a capacidade de resiliencia e emancipación do ser humano, destacando a importancia da sororidade e do compromiso cos demais”, engade o xurado.
As malas mulleres foi a obra gañadora do Premio Eduardo Blanco Amor 2020 e foi publicada un ano despois pola editorial Galaxia. Marilar Aleixandre, actual arquiveira bibliotecaria da RAG, suma este novo recoñecemento a unha longa lista de galardóns á súa produción literaria. Entre outros, mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por A compañía clandestina de contrapublicidade; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por Teoría do caos.
Marilar Aleixandre ten tamén unha destacada carreira como autora de literatura infantil e xuvenil, o xénero no que debutou como escritora de ficción e co que colleitou premios como o Merlín (1994) e da Crítica (1995) por A expedición do Pacífico; o Lazarillo (1999) e o Lecturas de literatura xuvenil (2001) por A banda sen futuro; ou o Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil (2008) e a inclusión do seu nome na prestixiosa listaxe White Ravens da Biblioteca de Munich (2009) por A cabeza de Medusa.
Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou Desescribindo (2016).
A súa obra foi traducida ao portugués, castelán, chinés, catalán e éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés.
As letras galegas foron tamén distinguidas na presente edición dos premios nacionais co galardón ao mellor libro de poesía de autores menores de 31 anos para Lixeiro (Xerais) de Ismael Ramos (Mazaricos, 1994).