O sábado 16 de xuño, na praza de María Pita da Coruña, cidade na que reside a Academia, desenvolverase un acto en conmemoración do 50 aniversario do Día das Letras Galegas. Entre outras actividades, a ceo aberto, os alcaldes dos concellos cos que os homenaxeados estiveron relacionados ao longo das súas vidas lerán para o público unha cita escollida entre a produción de cada figura celebrada.
Este acto pretende recuperar e actualizar algúns dos aspectos máis importantes da obra dos 50 protagonistas das Letras ao longo destes anos. O concello da Coruña colabora no evento e cóntase coa presenza do presidente da Xunta de Galicia e doutras autoridades.