40 aniversario de Abrente

O pasado venres 22 de novembro foi presentado no Salón Teatro de Santiago de Compostela o programa de actos do 40 aniversario das Xornadas Abrente.
Mesa  presidencial durante a presentación do programa
Mesa presidencial durante a presentación do programa de actividades


En 1973 tiña lugar en Ribadavia, organizado pola Agrupación Cultural Abrente, a I Mostra de Teatro Galego e o I Concurso de Textos Teatrais que pasarían a seren coñecidas en adiante co nome de Mostra de Teatro Galego "Abrente".

Desde aquela data ata hoxe lévanse celebrado na capital do Ribeiro trinta e nove edicións deste certame cuxa importancia na conformación do teatro galego moderno ten sido amplamente recoñecida pola crítica e os historiadores da nosa dramaturxia. Autores como Francisco Tajes, Manuel Lourenzo, Rodríguez Ruibal, Agrelo Hermo e o propio protagonista do Día das Letras Galegas 2013, Roberto Vidal Bolaño, deron a coñecer en Ribadavia as súas primeiras obras, quer como escritores, quer como actores e directores escénicos, pasando a formar parte todos eles da chamada "Xeración Abrente".

En paralelo coas representacións, celebrábanse tamén durante a Mostra debates e foros nos que as figuras senlleiras da nosa dramaturxia analizaban e discutían polo miúdo as cuestións máis relevantes naquel acordar do teatro galego moderno: a súa profesionalización, o emprego exclusivo ou non do galego, a relación entre arte e política… As conclusións e teses emanadas destes faladoiros tiveron unha influencia decisiva en toda a produción teatral posterior no noso país.

Co fin de conmemorar os 40 anos da I Mostra de Teatro Abrente de Ribadavia, a Xunta de Galicia, a Real Academia Galega, a Deputación de Ourense, o Concello de Ribadavia, a Mostra Internacional de Ribadavia, a Asociación Cultural Abrente, así como o Museo Etnolóxico de Ribadavia, organizarán, os días 13 e 14 de decembro, unha serie de actos nos que diversos especialistas na materia, como Manuel Guede, Roberto Pascual, Inma López Silva, Dolores Vilavedra ou o propio presidente da Academia, Xesús Alonso Montero, pasarán revista ao significado histórico e vixencia actual das Xornadas Abrente.

O programa de actos pódese consultar aquí.