Fotogalería Presidentes
Tras o súbito pasamento de Andrés Martínez Salazar, en marzo de 1924 accede á presidencia da Academia Francisco Ponte Blanco. O enxeñeiro, publicista e exalcalde da Coruña ingresara como numerario en setembro de 1921 e fora tesoureiro despois da morte de Murguía.
A Academia recibía nese momento duras críticas relacionadas co seu inmobilismo e o afastamento dos seus obxectivos primixenios. Estas críticas non amainaron coa chegada do novo presidente, cuxa elección foi cualificada de “cacicada”. Así e todo, durante o mandato de Francisco Ponte Blanco escóllense como membros de número Antón Vilar Ponte, Vicente Risco, Ángel del Castillo, Fernando Martínez Morás e Castelao.
Retrato de Francisco Ponte Blanco.
Real Academia Galega. Hemeroteca
O 20 de novembro de 1926 falece Ponte Blanco. Uns meses despois o que fora o seu secretario, Eladio Rodríguez González, é escollido presidente por unanimidade nun consenso forzado entre as dúas faccións existentes na Academia.
Malia que non se redactase un programa que puidesen consensuar os académicos, entre as pretensións para a presidencia de Eladio Rodríguez figuraba cubrir as vacantes e obrigar os membros electos a ingresaren, xa que nese momento había dezaseis numerarios pendentes de ler o discurso de ingreso, e escolleranse outros sete membros máis. Así e todo, durante o seu mandato só ingresarán seis; un deles Fernando Martínez Morás, no mesmo día da súa elección como presidente, quen será escollido secretario.
Elección de Eladio Rodríguez como presidente. De pé: Ángel del Castillo, Fernando Martínez Morás, Manuel Amor Meilán, Federico Maciñeira, José Vega Blanco, Ramón Cabanillas, Victoriano Taibo e Antón Villar Ponte. Sentados: David Fernández Diéguez, Indalecio Varela Lenzano, Uxío Carré, Marcelo Macías, Eladio Rodríguez e Rafael Pérez Barreiro.
Real Academia Galega. Arquivo
Ademais do intento de saneamento económico da Academia, Eladio Rodríguez centrará o seu mandato na celebración de efemérides de figuras da literatura, da ciencia e da arte galegas, como o centenario de Francisco de la Iglesia e de Murguía, ou os cincuentenarios de Vicetto e Añón. Outro dos temas que focalizou os seus esforzos foi a xestión do monumento a Curros.
En contrapartida, en 1928 decrétase a suspensión definitiva do dicionario corporativo e extínguese a comisión responsable da publicación.
Conmemoración do centenario do nacemento de Eduardo Pondal (1935).
Real Academia Galega. Arquivo
En 1934, o cuarto presidente da academia presenta a súa dimisión para centrarse na redacción do seu Diccionario gallego-castellano. Verémolo retomar a participación activa na Academia en 1944, presidindo accidentalmente a xunta de idade que facilitou a reorganización definitiva da Academia baixo a ditadura.
Páxina manuscrita do Diccionario enciclopédico gallego-castellano, de Eladio Rodríguez.
Fundación Penzol. Arquivo
O 28 de abril de 1934 accede á presidencia Manuel Lugrís Freire co difícil cometido de intensificar a actividade da institución. Entre os seus propósitos constaban completar o elenco de numerarios, retomar os traballos de elaboración da gramática e o dicionario, colaborar na inauguración do monumento a Curros na Coruña, así como a reedición de Queixumes dos pinos e a edición dos inéditos de Pondal.
Retrato de Manuel Lugrís Freire.
Manuel Lugrís Rodríguez
As cimeiras do seu mandato, como presidente da Institución, foron os ingresos de Antón Vilar Ponte e de Castelao, en días consecutivos, o 24 e o 25 de xullo de 1934. E sen dúbida, a inauguración do monumento de Asorey dedicado a Curros Enríquez nos xardíns de Méndez Núñez coa asistencia do Presidente da República Niceto Alcalá Zamora.
Tribuna na inauguración do monumento a Curros.
Real Academia Galega. Arquivo.
Dezaseis meses máis tarde, en agosto de 1935, Manuel Lugrís acusa a enfermidade que lle poría fin aos seus días, e vese na obriga de dimitir. Até o día do seu pasamento, o 15 de febreiro do 1940, estará practicamente recluído na súa casa da rúa coruñesa de Santo André.
Dende ese momento asume a presidencia accidental o matemático católico David Fernández Diéguez.
Retrato de David Fernández Diéguez.
Vida Gallega. 682 (15/I/1937). Real Academia Galega. Hemeroteca.
A última reunión da Academia antes da caída da Coruña foi en marzo de 1936.
A actividade corporativa reduciuse completamente, de forma que a última acta da Academia antes do 18 de xullo de 1936 pertence ao mes de marzo, mes no que ingresan como membros de número Alejandro Barreiro, director do xornal La Voz de Galicia, e Manuel Casás, o que será presidente accidental dende decembro de 1936 e finalmente presidente da nosa institución dende decembro de 1942 ata 1960, ano da súa morte.
Ingreso de Manuel Casás como membro de número da Academia.
Real Academia Galega. Arquivo.


