Fotogalería Efemérides
Baixo a presidencia de Francisco Ponte Blanco e con motivo do cuarto centenario do seu nacemento, o 27 de novembro de 1924 a Real Academia Galega tributoulle unha homenaxe na Coruña a Luís de Camoens na que contou coa presenza do poeta portugués Eugénio de Castro.
No transcurso do acto, o académico Manuel Lugrís Freire pronunciou un discurso en galego no que salientou os fondos vencellos históricos, étnicos e lingüísticos entre Galicia e Portugal, e defendeu a orixe galega de Camoens na figura do poeta e nobre galego, Vasco Peres de Caamaño. Lugrís cualificou Os Lusíadas como a “sagra Biblia da groriosa nación portuguesa”, argumentou que a lingua do poema é esencialmente a mesma que a galega, e concluíu que “non se pode ser bo escritor galego sen ler e estudar primeiro a Camões”.
"A festa do homenaxe a Camoes". A Nosa Terra. 207 (1/XII/1924), p. 3. Real Academia Galega. Hemeroteca
Luiz de Camoes. Gravado. Europeana
Pola súa parte, Eugénio de Castro, poeta e director da Facultade de Letras de Coímbra, pronunciou un discurso moi aplaudido. Castro comezou lembrando a súa primeira visita a Galicia 24 anos antes, onde atopara unha prolongación da súa patria na paisaxe, nas xentes e na lingua. Evocou as figuras inmortais de Rosalía, Curros e Pondal e, no seu discurso, titulado “Boceto da vida sentimental do autor de Os Lusíadas”, centrouse no papel do amor na obra camoniana. A homenaxe constituíu unha reivindicación da irmandade cultural entre Galicia e Portugal, que atopou na figura de Camoens un símbolo do patrimonio lingüístico e literario compartido.
Eugénio de Castro e a súa filla Constanza, que tamén estivo presente no acto. Bibliothèque nationale de France
Poucos meses despois da elección de Eladio Rodríguez González como presidente da Academia, este propón a conmemoración do primeiro centenario do nacemento de Francisco M.ª de la Iglesia. O 15 de febreiro de 1927, nos salóns da Reunión de Artesanos da Coruña desenvolveuse a celebración como parte da serie de actos dedicados a “traer al recuerdo de las gentes de ahora algunas figuras ya casi olvidadas y que en los albores de nuestro renacimiento regional realizaron una labor muy meritoria”.
Retrato de Francisco de la Iglesia. Real Academia Galega. Arquivo
A continuación do presidente, Uxío Carré trazou un bosquexo biográfico do autor d’A fonte do xuramento. Antón Vilar Ponte expresou en galego as angueiras a prol do idioma de De la Iglesia e Fernando Martínez Morás leu as intervencións de Amor Meilán e de Alfredo de la Iglesia. Tras as palabras de Eladia de la Iglesia, irmá do conmemorado, pechou o acto Santiago, seu fillo. O coro Cántigas da Terra puxo o ramo coa interpretación da "Alborada" de Veiga con letra de Francisco de la Iglesia.
"La Alborada por el maestro D. Pascual Veiga". Real Academia Galega. Arquivo
O 25 de maio de 1928 celébrase o acto de conmemoración dos cincuentenarios da morte de Benito Vicetto (1824-1878) e Francisco Añón (1812-1878) no salón da Reunión de Artesanos da Coruña. Ángel del Castillo repasou o perfil de Vicetto como historiador. Antón Vilar Ponte debruzouse na obra de Añón como poeta e como xornalista, e estableceu o seu parentesco espiritual con Curros Enríquez. Finalmente recitou o poema “A fantasma”. A súa intervención, proferida en galego, recolleuse en Poesías galegas, a publicación editada en 1966 co gallo da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao bardo de Boel.
De esquerda a dereita, Ángel del Castillo, Antón Vilar Ponte, Manuel López Companioni, Eladio Rodríguez, Uxío Carré, Manuel Casás e Fernando Martínez Moras. BRAG. 205 (1/VI/1928), p. [9]
Na súa quenda Uxío Carré analizou, na nosa lingua, a obra lírica de Añón e Eladio Rodríguez doeuse polo resultado das xestións levadas a cabo pola Academia para tentar a repatriación dos restos mortais do poeta.
Foi o pintor Francisco Llorens, presidente do Centro Galego de Madrid, quen intercedeu ante o Concello de Madrid, na procura das cinzas. O resultado foi que:
En el registro de inhumaciones del citado Cementerio General del Norte, obrante en el Obispado, figura la inscripción de Francisco Añón Paz, enterrado el día 21 de abril de 1878 en sepultura común (caridad) sin filiación, ignorándose la edad, estado, etc., lo cual nos demuestra que de Añón no hubo quien se ocupara ni en su última hora, y es de suponer también que el poeta falleció careciendo de todo recurso. Los restos no es posible reunirlos porque están en el osario del General del Sur, a donde fueron trasladados del General del Norte.
Retrato de Francisco Añón. Poesías galegas (1966). Real Academia Galega
Na acta da Xunta de Goberno do 10 de decembro de 1928 recollíase a noticia dun artigo publicado por Antón Vilar Ponte no diario madrileño El Sol onde exhortaba a prensa galega, as cidades da Coruña e de Santiago, as colonias galegas da emigración e todas as entidades culturais do país a celebrar conxuntamente o centenario dos nacementos de Murguía e de Rosalía. Meses máis tarde, atendendo a encomenda, desígnase unha comisión específica para tratar da celebración, na que se integra o propio Vilar Ponte. O 17 de maio de 1929, unha comitiva da Academia visitaba a sepultura de Murguía no cemiterio de Santo Amaro para levar unhas flores.
Conmemoración do 96 aniversario de Manuel Murguía. Real Academia Galega. Arquivo
A proposta dos académicos para a celebración do centenario en maio de 1933 incluía a convocatoria dun concurso para a finalización e posterior edición da Historia de Galicia de Murguía e a organización dunha sesión conmemorativa á que serían convidadas as corporacións provinciais e municipais, as entidades da cultura, personalidades relevantes e sociedades e centros galegos da emigración. Posteriormente contemplouse tamén a celebración dun congreso.
Malia os esforzos continuos de Antón Vilar Ponte por activar os preparativos, a situación política vivida en Galicia entre 1929 e 1933 relegou o asunto a un segundo plano. O 17 de maio de 1933 inaugurábase nos xardíns de Méndez Núñez un busto en bronce de Manuel Murguía obra de Fernando Cortés, “modesta homenaxe” da Academia e diversas corporacións municipais no primeiro centenario do “desexado Mesías do noso pobo”, en palabras de Eladio Rodríguez.
Vida Gallega. 558 (20/V/1933). Real Academia Galega. Hemeroteca
Se finalmente a Academia optou por unha modesta homenaxe, en Buenos Aires a celebración do Centro Galego no Teatro Cervantes contou coa presenza de personalidades como o presidente da República da Arxentina, o ministro da Marina ou o embaixador español. A orquestra interpretou un repertorio de pezas de compositores e temática galegos. Entre os relatores estaban José Lence ou Xavier Bóveda, e dende o palco do teatro disertouse sobre as facetas de xornalista e historiador de Manuel Murguía e sobre o seu legado intelectual. Pechou o acto o coro Lembranzas de Ultreya.
O número 246 da Revista del Centro Gallego recolle a crónica e diversas imaxes da xornada. Real Academia Galega. Hemeroteca
O 8 de febreiro de 1935 a Reunión de Artesanos volveu acoller a celebración doutro centenario: o de Eduardo Pondal. Seguindo o modelo de serán literario da época, interviñeron na celebración Manuel Lugrís Freire, como presidente da Academia, e Ángel del Castillo, Antón Vilar Ponte e Ramón Otero Pedrayo. Na parte musical participaron a Orquestra Filharmónica Coruñesa, a soprano Carmen Molina e no piano Alberto Garaizábal, que interpretaron “Maruxiña”, peza composta pola académica Pilar Castillo sobre un poema de Pondal. O ramo foi a interpretación de Cántigas da Terra do Himno Galego, acompañados dos asistentes que ateigaban a sala.
Conmemoración do centenario de Eduardo Pondal (1935). Real Academia Galega. Arquivo
"El primer centenario de Pondal". Vida Gallega. 621 (28/II/1935). Real Academia Galega. Hemeroteca
"Los actos conmemorativos del primer centenario de Eduardo Pondal". El Pueblo Gallego. 10/II/1935. Galiciana
Eduardo Pondal, académico fundador da RAG, morrera na Coruña o 8 de marzo de 1917. O poeta legoulle á Academia os orixinais da súa obra:
Asimismo les ruego que sigan guardando y custodiando excrupulosamente la copia de mi poema Os Eoas, así como todos los trabajos literarios de diverso género que lo acompañan para los fines oportunos.
A análise e estudo dos materiais da famosa maleta de Pondal ocupan un capítulo extenso da nosa historia. Xa no 1920 confórmase unha comisión con esta encomenda. En 1921, Martelo Paumán ingresa como numerario co discurso Eduardo Pondal e a súa obra. De 1955 datan as conclusións dunha nova comisión dedicada á edición do seu poema épico Os Eoas. Hai que agardar a 1992 para poder ler a primeira edición d’Os Eoas, da man de Amado Ricón. E de 2005 data a edición de Manuel Ferreiro.
En 1935, como parte da conmemoración do centenario do seu natalicio, a Academia edita Queixumes dos pinos y poesías inéditas de Eduardo Pondal, na que incorpora o texto dedicado ao poeta por Murguía en Los precursores e un epílogo de Manuel Lugrís Freire, comisionado para o estudo dos papeis do bardo e presidente da Academia nesa altura.
"La nueva obra del autor de 'A campana de Anllóns'. El poema heroico 'Os Eoas'". Vida gallega. 39 (V/1912). Real Academia Galega. Hemeroteca
Maleta de Eduardo Pondal co seu legado literario. Real Academia galega. Museo
Cuberta de Queixumes dos pinos y poesías inéditas. Real Academia Galega


