Fotogalería Dicionario
Na primeira sesión da Academia tras a elección de Ponte Blanco como presidente, o 30 de xuño de 1924, renóvase a comisión encargada da elaboración do dicionario da Academia. Os designados son Eladio Rodríguez, Manuel Lugrís Freire e Leandro Carré Alvarellos. César Vaamonde, o principal responsable da redacción e doutros traballos asociados, queda excluído desta comisión probablemente por discrepancias nos criterios de edición, e decide abandonar. Así e todo, a nova comisión non debeu de chegar a funcionar e os cadernos do dicionario seguíronse realizando da mesma maneira.
Foto da acta e de César.
Ao se cumprir vinte anos da creación da Real Academia Galega, o seu principal obxectivo, o dicionario, seguía sen estar rematado. Mais a necesidade social de posuír unha obra lexicográfica era cada vez era maior. Para encher este baleiro comezan a aparecer os anuncios de distintas publicacións. Así, a editorial Lar, propiedade de Leandro Carré Alvarellos e Ánxel Casal, anuncia nos primeiros meses de 1926 a saída do dicionario do primeiro. En 1928 aparecerá o primeiro volume e haberá que agardar até 1931 para ter o segundo.
Cuberta da obra + Noticia ANT
É probable que a curiosidade lexicográfica de Eladio Rodríguez nacese vencellada á elaboración do dicionario da Academia, xa que se adoita datar entre 1907 e 1911 o comezo dos labores na súa propia obra, período no que participa na Comisión clasificadora. En 1927 a prensa anuncia a creación da editorial Nós e avanza a publicación do Dicionario de Eladio Rodríguez nela. Malia un novo intento de publicación en 1933, non será até 1958, da man de Galaxia, que vexa a luz.
Foto do anuncio e da publicación de Galaxia.
El pueblo gallego : rotativo de la mañana: Ano IV Número 1099 - 1927 agosto 14
Da mesma época son outras iniciativas como o Vocabulario popular galego-castelán de Filgueira, Tobío, Magariños e Cordal Carús, publicado por entregas en El Pueblo Gallego (1926), e o encargo de elaboración dun dicionario galego aos membros da sección rexional galega da Real Academia Española, Ramón Cabanillas e Cotarelo Valledor.
A Nosa Terra 249 (1/VI/1928).
Real Academia Galega. Biblioteca e Hemeroteca
En vista de que a Comisión do Dicionario creada en 1924 era puramente nominativa e que César Vaamonde seguía a ser realmente o único encargado da obra, un grupo de académicos presenta a proposta de que na portada do Dicionario se consigne o nome do seu compilador e redactor, co obxecto de recoñecer publicamente o seu traballo e, probablemente, para suavizar o impacto da noticia da publicación do dicionario do presidente da Academia.
O cambio era transcendente, xa que se pasaba de editar un dicionario institucional, con valor de norma do idioma, a avalar a obra persoal dun académico correspondente.
Copia da acta 22 de maio de 1928. BRAG: 212 (1/I/1929), p. 164.
Entre medias, a Xunta de Goberno encargou un informe ao respecto a Manuel Amor Meilán e a Indalecio Varela Lenzano, que presentaron o 23 de xullo de 1928. Segundo eles o Dicionario debía ser continuado pola mesma persoa que o comezou e co mesmo criterio, e recomendaban extinguir a Comisión do Dicionario. Este proposta apróbase na xunta do 12 de decembro de 1928: a Academia daba plena autonomía a Vaamonde Lores para continuar co agora “seu” dicionario.
Porén non se volverá a publicar ningún outro caderno. Anos máis tarde, a Academia tería que mercar á familia de César Vaamonde as papeletas do dicionario para poder recuperalas.
Extracto do informe de Amor Meilán e Varela Lenzano (1928).En: Isabel Seoane “Eladio Rodríguez González e o primeiro diccionario da Real Academia Galega”. Boletín da Real Academia Galega. 362 (2001), 97-133.


