Fotogalería Publicacións
Durante os anos da presidencia de Sebastián Martínez-Risco a Academia intensificou a súa actividade editorial e deu ao prelo numerosas publicacións, para o cal contou coa axuda económica de diversas institucións e tamén dalgúns particulares.
A primeira publicación aparecida nesta etapa tivo unha especial relevancia ao se tratar dunha homenaxe a Castelao; foi a conferencia Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura, que o artista rianxeiro impartira no mes de marzo de 1920 na Coruña. A publicación deste escrito en 1961 foi posible grazas á doazón ao Arquivo académico do manuscrito orixinal de Castelao e realizouse despois de obter o permiso da súa viúva Virginia Pereira que residía en Buenos Aires.
Humorismo, dibuxo humorísteco, caricatura (1961). Real Academia Galega
En 1965 saíu do prelo a edición dunha escolma de partituras de Marcial del Adalid que procedían do fondo deste compositor coruñés doado á Academia pola súa filla, María del Adalid. O ano seguinte apareceu o Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea elaborado polo académico Ricardo Carvalho Calero. O libro estaba destinado ao ensino preuniversitario e contiña unha selección de textos con tradución castelá e noticia dos autores.
Vals brillante; Improvisación; Elegía; Andantino con variaciones (para piano), de Marcial del Adalid (1965). Real Academia Galega
Breviario antológico de la literatura gallega contemporánea, de Ricardo Carvalho Calero (1966). Real Academia Galega
En 1967 editouse o volume que recollía as actas das dúas asembleas galaico-lusitanas nas que participaran numerosos académicos. A primeira delas celebrárase en Braga no ano 1955 e a segunda na Coruña en 1961. Xa na década dos setenta a Academia publicou unha homenaxe á revista Nós para conmemorar o seu cincuenta aniversario e mais a tradución de dous capítulos de Don Quixote de La Mancha realizada por Leandro Carré Alvarellos.
Primera y segunda asambleas lusitano-gallegas: actas y comunicaciones (1967), Real Academia Galega
Dous capítulos XXV e XXVI do tomo segundo do Don Quixote de la Mancha por Miguel de Cervantes Saavedra (19759. Real Academia Galega
Antes da presidencia de Sebastián Martínez-Risco só se publicaran uns poucos discursos de ingreso debido á permanente escaseza de medios que sufría a institución. Agora vaise facer un esforzo para levar ao prelo os inéditos grazas á axuda económica dalgúns concellos galegos, das colectividades galegas de América e da xenerosidade de particulares.
Algúns dos que se publicarán pertencían a numerarios que entraran a partir de 1960: Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Rafael Dieste, Xesús Taboada Chivite ou Uxío Torres Enciso. Mais outros pertencían a académicos que ingresaran tempo atrás —Castelao, Vicente Risco, Fermín Bouza-Brey, Antón Vilar Ponte— e que polo seu interese se publicaban agora. O académico de honra Álvaro Gil Varela financiou a edición de varios deles.
Colofóns de Un caso de lycantropía: (o home lobo), discurso de ingreso de Vicente Risco (1971), e de Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores, discurso de Francisco Fernández del Riego (1973). Real Academia Galega
Coa creación do Día das Letras Galegas en 1963 a Academia inaugurou unha nova liña de publicacións dedicada á persoa á que cada ano se lle dedicaba a celebración. Estes opúsculos especiais consistían nunha escolma de textos acompañada dun breve estudo biográfico. A súa aparición moitas veces foi sufragada polo concello no que nacera a persoa homenaxeada.
Durante o período que estamos a tratar apareceron catorce destes opúsculos, aínda que para o primeiro Día das Letras, dedicado a Rosalía de Castro, a Academia non presentou ningunha publicación especial, pois iso só se converteu nunha práctica habitual nos anos seguintes.
Material gráfico das publicacións dedicadas a Eduardo Pondal (1965), Francisco Añón (1966) e Marcial Valladares (1970). Real Academia Galega
O Boletín corporativo mantivo a súa saída coa publicación dun total de nove fascículos, que abranguían dende o número 339 ao 358. A pesar de que na década de 1960 a súa aparición foi moi variable debido a dificultades económicas, a partir de 1970 a periodicidade fíxose regular e publicouse un número anual grazas á concesión dunha subvención pola Fundación Barrié de la Maza.
Nesta etapa obsérvase un aumento dos traballos consagrados á lingua e á literatura galegas, o que indica a progresiva conversión do Boletín académico nunha revista especializada en temas lingüísticos e literarios. Durante estes anos apareceron as sete últimas entregas da Colección de Documentos Históricos.
Noticia sobre o novo presidente da Academia nas páxinas do Boletín. BRAG 339-344 (IV/1961). Real Academia Galega
Algúns dos fascículos do Boletín estiveron consagrados total ou parcialmente a unha figura relevante da cultura galega e contaron con artigos que estudaban a súa vida e obra.
O fascículo 339-344 contiña textos en homenaxe ao poeta e académico Ramón Cabanillas, falecido en 1959, e unha relación dos actos celebrados na súa memoria. O Boletín 353-354 foi un monográfico dedicado a frei Martín Sarmiento e incluíu a edición dun texto inédito do sabio bieito. O número 357 homenaxeou a Castelao no seu vinte e cinco cabodano e presentou a peculiaridade de ser o primeiro Boletín redactado enteiramente en galego. O 358 xuntou varios traballos sobre Benito Jerónimo Feixóo para conmemorar os trescentos anos do seu nacemento.
Cabanillas, Sarmiento e Castelao no Boletín da Academia. BRAG 339-344 (IV/1961), 353-354 (1971-1972) e 357 (I/1975). Real Academia Galega
O aumento das publicacións académicas fixo necesario realizar un esforzo para lograr a súa distribución. Se antes era a propia institución a encargada de repartir os materiais que editaba —basicamente o seu Boletín—, o aumento do catálogo e a escaseza de recursos económicos obrigárona a procurar outras maneiras de distribuílas.
Durante a década de 1960 as publicacións da Academia estiveron presentes en varias feiras do libro coa colaboración doutras editoriais e librarías. Sabemos, por exemplo, que en 1965 se venderon na feira do libro de Santiago de Compostela coa colaboración da Editorial Galaxia. En 1972 chegouse a un acordo con esta editorial viguesa para que fose ela a encargada de distribuír as obras editadas pola Academia, acordo que continúa en vigor a día de hoxe.
Publicacións da Academia incluídas no Catálogo da Editorial Galaxia para 1974. Real Academia Galega. Hemeroteca


