Fotogalería Lingua
No decurso dos anos en que Sebastián Martínez-Risco ocupou a presidencia, a Academia deixou de ser unha corporación de carácter xeralista, dedicada a “cultivar las Bellas Artes en general” —como constaba nos seus primeiros Estatutos—, para se converter nunha Academia da lingua galega e da cultura expresada no idioma propio de Galicia. Esta foi unha transformación gradual, iniciada e fomentada polo grupo de académicos galeguistas que se viñan integrando na institución dende os tempos da presidencia de Manuel Casás. Mais tamén foi un cambio que estivo facilitado por un limitado aperturismo da ditadura franquista a partir da década de 1960 e, sobre todo, pola influencia dos movementos galeguizadores que comezaron a xermolar dentro da sociedade galega.
Entrevista co presidente da Academia sobre cuestións lingüísticas e literarias. Chan 1 (22/2/1969). Real Academia Galega. Hemeroteca
A pesar de que esta foi unha etapa académica de crecente compromiso a prol da lingua galega, foi tamén nestes anos cando se abandonou definitivamente a publicación do Diccionario gallego-castellano que comezara en 1913. Outros proxectos de natureza lingüística que aparecen mencionados nas actas da institución —un vocabulario básico destinado ao ensino primario ou un vocabulario xurídico galego— non chegaron a realizarse.
A posible elaboración dunha gramática galega foi unha cuestión moi debatida nas xuntanzas académicas. En 1962 Ramón Piñeiro elaborou un informe no que se avaliaba esa posibilidade e onde chegaba á conclusión de que ese era un proxecto prematuro debido a que os coñecementos lingüísticos necesarios aínda eran insuficientes. Outros académicos foron da mesma opinión e a proposta quedou suspendida. Unha edición comentada do informe de Piñeiro pódese consultar aquí.
Acta do 24 de xuño de 1962 onde se dá conta da lectura do informe de Ramón Piñeiro sobre a gramática proxectada pola Academia. Real Academia Galega. Arquivo
Despois de abandonar os proxectos do Diccionario e da gramática, a Academia centrou o seu labor noutros obxectivos máis limitados e non menos urxentes. Así, deu ao prelo en 1970 unhas Normas ortográficas do idioma galego compostas por Ricardo Carvalho Calero en colaboración con Ramón Piñeiro. Este traballo foi completado o ano seguinte coa publicación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego. Con estas Normas a Academia ofrecía a súa contribución a unha codificación da lingua que viña sendo demandada polos sectores sociais favorables ao seu uso. Era ademais un labor moi necesario dende o momento en que se abría a posibilidade de incorporar o galego ao ensino ou á liturxia católica.
Cuberta das Normas publicadas pola Academia en 1970 e 1971. Real Academia Galega. Biblioteca
Unha mostra do progresivo compromiso da Academia co galego foi o seu uso na vida interna da institución, que ata agora se desenvolvera en castelán. O primeiro paso foi a decisión de empregar o galego nas actas da Academia, adoptada no mes de outubro de 1963. A partir de entón, as actas das sesións ordinarias foron redactadas en castelán e en galego —non así as da Xunta de Goberno, que continuaron a escribirse unicamente en castelán.
Esta decisión adoptouse como resultado dunha carta enviada en maio dese ano pola Mocedade Galega Universitaria na que se pedía que, ao ser a Academia unha institución consagrada ao estudo do noso idioma, “a língua imperante nas xuntanzas da Real Academia Galega seña o galego i en galego as Convocatorias, Circulares, Actas, Ponencias, etc.”
Carta da Mocedade Galega Universitaria (1963). Real Academia Galega. Arquivo
Nos anos 60 e 70 déronse máis pasos para incorporar o galego ao funcionamento interno. En 1966 acordouse que se enviarían nesa lingua as notas para a prensa. E dende finais dos 60 aparecen algúns papeis oficiais en versión galega. Pola contra, a información sobre a vida académica publicada no Boletín estaba escrita maioritariamente en castelán e tamén se mantivo en castelán o nome da institución. Na correspondencia enviada pola Academia nesta época alternaron o castelán e o galego, o que dependía da persoa ou institución a quen se dirixise. Incluso nas cartas para os académicos imperaba o bilingüismo segundo cal fose a lingua usada en cada momento polo destinatario. A galeguización da Academia, xa que logo, foi un proceso lento que só se realizou por completo en presidencias posteriores.
Dous exemplos de documentos galeguizados. Real Academia Galega. Arquivo
A incorporación do galego ao ensino foi unha cuestión que interesou vivamente á Academia. En febreiro de 1967 dirixiuse ao Ministro de Educación para solicitar que o galego se estudase en todos os niveis docentes. Entre 1968 e 1969 participou en xuntanzas —representada por Ramón Piñeiro e Basilio Losada— con outras asociacións dos dominios lingüísticos vasco e catalán para tratar da presenza no ensino das respectivas linguas nacionais.
Durante os debates desenvolvidos ao redor da redacción dunha nova Ley General de Educación, a Academia enviou escritos ás autoridades educativas galegas instándoas a defender que na lexislación se tivese en conta “la realidad lingüística y cultural de España”. A lei, aprobada en 1970, permitiu teoricamente un uso restrinxido das “lenguas nativas” na educación preescolar e básica, situación que se mantivo ata a fin da ditadura.
Noticia nas actas de accións a prol da inclusión do galego no ensino (1967 e 1969). Real Academia Galega. Arquivo
Outro ámbito no que a Academia demandou a presenza do galego foi o da Igrexa e para iso xuntou a súa voz á doutros colectivos que reclamaban o seu emprego na liturxia.
De acordo coa información recollida nas actas, a Xunta de Goberno chegou a falar persoalmente co arcebispo compostelán, Fernando Quiroga Palacios, acerca da posibilidade de empregar o galego na liturxia. Mais a xerarquía eclesiástica non escoitou as demandas de galeguización. A pesar disto, grazas á acción particular de sacerdotes e laicos foi posible realizar algunhas traducións de textos relixiosos para a nosa lingua. A primeira delas, unha versión galega dos Evanxeos publicada en 1965, contou coa revisión lingüística da Academia a petición dos propios autores.
Tradución galega dos Evanxeos revisada pola Academia (1965). Real Academia Galega. Biblioteca
A partir da década de 1960 a Academia participou en varias iniciativas de restauración da toponimia. En 1965 mandou comunicacións aos gobernadores civís das catro provincias para pedir a corrección dos erros e deturpacións na rotulación viaria. Posteriormente, en xuño de 1972, adoptouse o acordo de elaborar unha listaxe de topónimos deturpados para enviar ao Ministerio de Gobernación e ás deputacións provinciais coa finalidade da súa rectificación.
Ademais tamén realizou informes a petición de distintos organismos —concellos, deputacións e empresas— que solicitaron a colaboración académica na restauración de topónimos ou ben na fixación dos nomes tradicionais das rúas. Para atender estas demandas creouse en 1975 unha comisión de toponimia e onomástica.
Informes sobre os topónimos Mesón do Vento (1973) e Sanxenxo (1977). Real Academia Galega. Arquivo
Cando se fixeron as primeiras tentativas de dar un nome galego a nenas e nenos, a comezos dos anos 70, a Academia tivo un importante papel en calidade de autoridade lexitimadora dos nomes elixidos. A lexislación franquista non permitía nomes considerados extravagantes ou impropios, o que moitas veces resultaba na prohibición dos que non fosen en castelán. Iso foi o que aconteceu en Galicia con Eusenda, Breogán, Iria ou Breixo, rexeitados nun primeiro momento por funcionarios do rexistro civil ao consideralos impropios.
A intervención da Academia foi determinante para que se permitisen eses e outros nomes. Para iso elaborou informes a petición das familias onde se certificaba que non eran extravantes nin indecorosos e que ademais existían na onomástica galega. O informe completo sobre o nome Eusenda redactado polo académico Isidoro Millán González-Pardo pódese consultar aquí.
Resolucións da Academia acerca dos nomes Eusenda (1973) e Breogán (1976). Real Academia Galega. Arquivo
En 1971 creouse dentro da Universidade de Santiago o Instituto da Lingua Galega (ILG) co obxectivo de realizar estudos científicos do noso idioma. Na acta da xuntanza académica do 31 de outubro de 1971 consta a decisión da corporación de “prestar a máxima colaboración ao devandito Instituto” e tamén o nomeamento de Marino Dónega como representante da Academia dentro do Padroado do ILG.
A pesar desa vontade de colaboración, as relacións iniciais entre os dous organismos non sempre foron fáciles debido a diverxencias sobre os criterios elixidos para a codificación da lingua. Así, despois de que o ILG publicase tres manuais para a aprendizaxe da lingua (Gallego 1, 2 e 3), a Academia mostrouse contraria a algunhas das propostas ortográficas do Instituto por non coincidiren coas súas Normas dadas a coñecer en 1970 e 1971.
Escrito académico sobre as propostas ortográficas do ILG. Real Academia Galega. Arquivo


