Fotogalería Ingresos
É neste período onde se afianza o remozamento da Academia mediante o ingreso de xente de compromiso real coa lingua e a cultura galegas. Se durante a presidencia de Casás as eleccións de numerarios estiveron en moitos casos acompañadas de tirapuxas entre as distintas sensibilidades, segundo se foron incorporando académicos afíns a Otero Pedrayo reforzouse a hexemonía galeguista.
O mesmo día da elección de Sebastián Martínez Risco, ingresaba na Academia Francisco Fernández del Riego, cuxa elección tamén supuxo un pulso entre dous sectores; o “coruñesista”, que apoiaba a Francisco Leal Insua, e o galeguista, partidario do de Lourenzá.
Ingreso de Francisco Fernández del Riego na Real Academia Galega.
Concello de Vigo.
O 21 de abril de 1963 Mondoñedo encheuse de festa para celebrar o ingreso de Álvaro Cunqueiro na Real Academia. O recipiendario desfilou escoltado polos maceiros municipais e o pendón da vila, seguido de dúas fileiras de académicos, a Corporación Municipal e as demais representacións camiño do Seminario Conciliar de Santa Catalina.
Cunqueiro fora o protagonista inesperado dun dos contubernios de Pedrayo, xa que el e Del Riego eran para o señor de Trasalba os candidatos idóneos para a vacante de López Cuevillas. Un malentendido epistolar provocou que Carvalho Calero lle anunciase a Cunqueiro a súa candidatura, cando finalmente a proposta xa virara para o outro candidato.
Álvaro Cunqueiro deu lectura ao discurso titulado Algunhas imaxinaciós sober tesouros. O encargado de lle responder en nome da institución sería o seu amigo Francisco Fernández del Riego.
No 60 aniversario do ingreso, o arquivo publicou a documentación relacionada co acto.
Real Academia Galega. Arquivo
Ánxel Fole e Xosé María Álvarez Blázquez fixeron as súas lecturas preceptivas na sede da Academia; Fole en outubro de 1963 Castelao i a tradición galeguista, e Álvarez Blázquez en novembro de 1964, Cantares e romances vellos prosificados.
Ánxel Fole ocupaba a cadeira de Manuel Casás na institución a proposta de Aquilino Iglesia Alvariño, Domingo García-Sabell, Sebastián Martínez-Risco e Julio Rodríguez. Álvarez Blázquez substituía a Aquilino Iglesia Alvariño, a proposta de Francisco Fernández del Riego, Ricardo Carvalho Calero e Fermín Bouza-Brey Trillo.
Real Academia Galega. Arquivo
Ramón Piñeiro incorporárase como membro correspondente en 1953. Dende ese momento formou parte de distintas comisións encargadas dos labores de redacción do dicionario e da gramática da Academia. En 1963 foi proposto para a vacante de Banet Fontenla, e ingresou en novembro de 1967 nun acto celebrado na Reunión de Artesanos. O seu discurso, A lingoaxe e as lingoas, pode considerarse a primeira obra de sociolingüística galega, e incide nela na exposición dos prexuízos existentes sobre o galego.
Real Academia Galega. Arquivo
O etnógrafo e historiador Xesús Taboada Chivite, leu O culto das pedras no noroeste peninsular en 1965 e en 1970, Rafael Dieste ingresou con A vontade de estilo na fala popular. O discurso do filólogo Isidoro Millán González-Pardo en 1975 versou sobre Xoán Manuel Pintos. El renunciaría ao cargo en 1978 por desacordos internos coa Academia.
O que sería secretario da Academia durante catorce anos, Marino Dónega, disertou sobre A resignación e maila rebeldía na novela de Castelao "Os dous de sempre" en 1973. Despois de 32 anos de exilio, o profesor Ramón Martínez López será escollido numerario en 1972 e ingresará en 1976 co discurso Contribucións norteamericás á historia da cultura medieval galega.
En troques, Eduardo Blanco Amor, elixido no mesmo ano, non chegaría a ler, malia o que se considera numerario.
Valentín Paz-Andrade, Uxío Torre Enciso, Enrique Vidal Abascal, Xosé Trapero Pardo, Antonio Gil Merino e Antonio Meijide Pardo son os que faltan da nómina dos numerarios deste período.
Nomeáronse tamén cinco académicos de honra: Victoriano García Martí, editor das Obras completas de Rosalía de Castro, en 1960. Dámaso Alonso en 1969, un ano despois de suceder a Menéndez Pidal na presidencia da Academia Española. O filólogo portugués Manuel Rodrigues Lapa recibe a distinción ao mesmo tempo que Alonso.
Álvaro Gil Varela contribuíu economicamente ao funcionamento da Academia, a impresión dos discursos de ingreso así como ás obras do inmoble da rúa Tabernas. Colaborou en moitas outras iniciativas a prol da cultura galega. En agradecemento recibe a honra en 1971. Por último, Fermín Penzol, figura máis relevante da bibliofilia galega e creador da Fundación Penzol, é escollido académico de honra en 1973.
Para rematar, 63 son as persoas que pasan a formar parte da Academia como membros correspondentes entre 1961 e 1977. Por nomear algún deles, Emilio González López (1961), Xosé Luís Méndez Ferrín (1961), Eduardo Moreiras Collazo (1961), Francisco Xavier Río Barja (1962), Xosé Luís Pensado Tomé (1963), Celestino Fernández de la Vega (1964), Francisco Pillado Rivadulla (1964), Alejandro Finisterre (1967), Basilio Losada (1969), Manuel María (1970), Xosé Ramón Barreiro (1971) e Xosé María Díaz Castro (1973).
Manuel María recibe o Premio Xavier Bóveda, do Centro Galego de Buenos aires, da man de Juan Naya na sede da Real Academia Galega. Á esquerda, Josefina e Teresa Rodríguez Castelao e Saleta Goy. 6 de xuño de 1970.
Real Academia Galega. Arquivo


